O IGFAE celebra unha nova edición da Masterclass Internacional co gallo do 11F

A fenda de xénero é un dos principais retos transversais nas áreas de investigación de Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear, nas que traballa o IGFAE. Tanto no Instituto como no contexto global, a representatividade feminina e do colectivo LGBTI está por baixo do 30%, fronte a máis dun 70% de presenza de homes heterosexuais en practicamente todos os niveis da carreira investigadora.
Esta situación inflúe, sen dúbida, na convivencia cotiá do persoal e o propio labor investigador, podendo xerar dinámicas que fagan persistir estes desequilibrios.
Neste contexto, o IGFAE márcase a redución da fenda de xénero e a promoción da diversidade como un dos eixos da súa actividade durante os vindeiros anos, fomentando a igualdade de oportunidades e promovendo activamente a contratación de persoal investigador de excelencia feminino, do colectivo LGTBI e incluíndo todo tipo de diversidades.
Desde o ano 2021, o IGFAE conta coa súa propia estratexia de Xénero e Diversidade. Este documento ofrece un contexto da situación o Instituto, e establece unha serie de accións para o seu cumprimento.
Seguirase, deste xeito, o camiño aberto con diversas iniciativas desenvolvidas nos últimos anos:
– En xuño de 2020 o IGFAE sumouse á rede GENERA (Gender Equality Network in Physics in the European Research Area), cuxo obxectivo é apoiar, coordinar e mellorar as políticas de igualdade de xénero nos centros de investigación de física en Europa, e a nivel global. Neste marco, o IGFAE participou nunha proposta COST, denominada BIRDIE.
– Participación no Grupo de Traballo de Xénero na Rede SOMMa.