A USC, a Xunta e o Concello participan no desenvolvemento desta iniciativa promovida polo ArtLab do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e que foi presentada hoxe en rolda prensa. A estrea terá lugar o 7 de setembro e as representacións para o público serán de balde o 8, 9 e 10 de setembro no Colexio de Fonseca

A sede da Secretarı́a Xeral de Polı́tica Lingüı́stica da Xunta de Galicia, no Pazo de San Roque, acolleu hoxe a presentación do espectáculo ‘O soño musical dos mapas celestes’, unha nova proposta de artes escénicas e audiovisuais promovida polo Instituto Galego de Fı́sica de Altas Enerxı́as (IGFAE), centro mixto da Xunta de Galicia e a USC. Este proxecto, que conta co apoio da Unión Europea a través de fondos FEDER, a Xunta de Galicia, o Concello de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela, achegará ao público o milenario Camiño de Santiago dunha forma diferente e transdisciplinar, vinculando arte e ciencia, ası́ como tradición e modernidade. As representacións serán os próximos 8, 9 e 10 de setembro no Colexio de Fonseca de balde con rexistro previo nesta ligazón: https://bit.ly/soñomusicalrexistro

Na rolda de prensa de presentación, o director do IGFAE Carlos A. Salgado presentou o IGFAE ArtLab, que nace como “un espazo de diálogo entre arte e ciencia, dúas disciplinas que teñen en común a procura de territorios nunca antes explorados ou imaxinados; trata non so de atopar novas maneiras de comunicar a actividade cientı́fica, senon tamén de activar a creatividade e xerar novos camiños en ambas disciplinas”. Tamén sinalou que o proxecto ‘O soño musical dos mapas celestes é un exemplo excelente destes obxectivos, unha performance mestiza onde cada participante aporta elementos da súa especialidade en os que o conxunto non pode existir. “O IGFAE ArtLab está xa proxectando novas actividades que serán presentadas nos próximos meses ”, apuntou o director do IGFAE.

A vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC Lorenzo Moledo, quixo subliñar a importancia de dar pulo, dende a Universidade, a proxectos que combinen arte e ciencia, tal e como sucede nesta iniciativa do IGFAE. Quixo poñer tamén o foco na necesidade de outorgar visibilidade á muller no seo da indagación cientı́fica. En ‘O soño musical dos mapas celestes’ unha muller “é a encargada de transitar o Camiño de Santiago ao longo dos séculos mentres reflexiona sobre a maneira na que habitamos o espazo e o tempo”, explicou a vicerreitora responsable de Igualdade.

Ao acto tamén asistiu Valentı́n Garcı́a Gómez, secretario Xeral de Polı́tica Lingüı́stica da Xunta de Galicia, quen destacou a inicitaiva “como un proxecto novidoso que impulsa a lingua galega desde os ámbitos cientı́fico e artı́stico para celebrar o Xacobeo 21-22 e poñer en valor o universo e a cartografı́a do Camiño de Santiago e a muller na divulgación cientı́fica”.
Mercedes Rosón Ferreiro, concelleira responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural e Igualdade do Concello de Santiago, sestacou a necesaria colaboración entre institucións para facer posible proxectos como ‘O soño musical dos mapas celestes’, que «continua a colaboración iniciada entre o Concello e o IGFAE coa exposición «Comosloxı́as» hai dous anos. «A creación dun espazo como ArtLab é un paso máis nesa dirección».

Do equipo artı́stico do espectáculo tamén participaron a artista visual Irene Dubrovsky, a cantante Uxı́a, o músico Germán Dı́az, e o investigador do IGFAE e autor dos textos da obra José Edelstein.

Escritura, música e historia para cartografiar o universo do Camiño de Santiago

‘O soño musical dos mapas celestes’ é unha experiencia inmersiva, elaborada ao redor dunha instalación audiovisual da artista Irene Dubrovsky, inspirada nos mapas do cosmos e as distintas maneiras de cartografialo. A disposición das estrelas no lenzo da noite ofrécese como unha linguaxe musical. Os puntos deveñen sucos ao habitar o tempo e o ceo convértese nunha partitura circular. Estes retrincos musicais dos mapas celestes flotan na escena, habitando o espazo, mentres soan como cristais de tempo nos instrumentos mecánicos interpretados por Germán Dı́az.

Os puntos luminosos na noite escura son tamén un texto e o investigador do IGFAE José Edelstein, seguindo a tradición de Pitágoras e Kepler, explora as secretas harmonı́as da música do cosmos nesa gran danza astronómica, narrándoas a través dalgunhas historias do Camiño de Santiago. Ao longo dos séculos este foi transitado por cegos que levaban historias e romances na chamada literatura de cordel, á vez que adoitaban tocar a zanfona. Durmı́an á beira do camiño, de fronte ao ceo, de fronte a un magnı́fico texto en braille. Todo nesa bóveda celeste é pasado. Fixar nela os ollos máis que ver é lembrar, volver pasar polo corazón. As cartografı́as do ceo son memorias do Camiño.

Læila, unha muller interpretada por Celtia Figueiras, transita o Camiño ao longo dos séculos. En diálogo con personaxes do Camiño, reflexiona sobre a maneira na que habitamos o espazo e o tempo, convertendo ao cosmos nun texto e ao territorio nun organismo vivo.

A voz de Uxı́a evoca estes aspectos do cosmos e os ecos sonoros do Camiño de Santiago. A trasfega infatigable dos peregrinos devén unha sinfonı́a de pasos. As coplas de Florencio, o último músico cego do Camiño, unha conexión coa tradición, e o “Onte sen ontes”, unha inmersión no ceo primixenio.

Partituras que tamén son mapas, discos perforados que lembran textos en braille, instrumentos orixinais de música mecánica, palabras que evocan o andar de peregrinos, ecos do Camiño que se funden cos mapas do cosmos contemporáneo.

O Camiño de Santiago preséntase como un texto, reflexo doutro que habita o ceo: a Vı́a Láctea. Tamén como un rı́o, que conecta, irriga, constitúe. O devir do rı́o asóciase ao paso do tempo. Se as estrelas antigas son o texto, o lenzo nocturno é aı́nda máis antigo. Ası́, no fondo da noite, albı́scase o nacemento do tempo.

ArtLab

O diálogo entre a arte e a ciencia ocupa un importante espazo dentro da escena da arte contemporáneo e o IGFAE busca promovelo a través de ArtLab. Este espazo de diálogo, creado con motivo da acreditación de Unidade de Excelencia Marı́a de Maeztu que recibiu o instituto en 2017, fomenta iniciativas cuxo obxecto sexa tender pontes entre a sociedade e a comunidade investigadora a través de distintas expresións artı́sticas. Busca impulsar reflexións, colaboracións e espazos de investigación nesta intersección, ası́ como o uso da imaxinación e o pensamento creativo.

PROGRAMA DE ‘O SOÑO MUSICAL DOS MAPAS CELESTES’

Estrea: 7 de setembro, 19:30 (só con invitación).
Representacións abertas ao público: 8, 9 e 10 de setembro, 19:00 e 20:30 (dúas funcións ao dı́a).
Lugar: Salón Artesoado, Colexio de Fonseca.
Entradas: entrada de balde con rexistro previo en bit.ly/soñomusicalrexistro ata o xoves 9 de setembro ás 12:00. Cabida limitada debido ás restricións sanitarias pola COVID-19.
Duración: 55 minutos.
Equipo artístico e técnico:
Irene Dubrovsky (artista visual).
José Edelstein (texto).
Celtia Figueiras (actuación).
Germán Dı́az (música).
Octavio Más (iluminación).
Participación especial de Uxı́a (cantante).

Actuación cofinanciada pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional “Unha maneira de facer Europa”