O alumnado galego de 2º de bacharelato interesado na física e no mundo da investigación ten unha cita o venres 1 de marzo no Campus Sur de Santiago de Compostela. Un ano máis, o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, organiza a Masterclass “Física de Partículas coas mans”. A xornada pretende achegar o día a día da investigación nesta disciplina, visibilizar o traballo punteiro que se desenvolve dende Santiago de Compostela e espertar vocacións científicas entre o alumnado.
A xornada é froito da colaboración do IGFAE co Grupo Internacional de Divulgación de Física de Partículas – IPPOG (promotor da Masterclass) e o CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear).
A masterclass consistirá nunha serie de conferencias sobre física de partículas, ademais dunha sesión práctica na que se usará datos reais obtidos no experimento CMS do CERN. O alumnado participante analizará os resultados deste traballo a través dunha videoconferencia con persoal do CERN, e con mozos e mozas de Alxeria, Italia, Ucraína e Finlandia, que participan na xornada de maneira simultánea.
Inscricións
Poderán participar dous estudantes de 2º bacharelato de cada centro. É posible inscribir tamén a unha terceira persoa de reserva, que poderá ser admitida dependendo da evolución das inscricións.
O profesorado acompañante pode asistir e participar na actividade, aínda que non é un requisito obrigatorio (deberá indicarse á hora de realizar a inscrición). O número máximo de participantes é de 100 estudantes. O IGFAE farase cargo da manutención durante a xornada.
Consideramos importante contar con rapazas e rapaces que poidan aproveitar a experiencia, valorando principalmente a afección pola ciencia e o coñecemento do inglés, importante para seguir a videoconferencia. A selección do alumnado queda á discrecionalidade do persoal docente.