O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro de investigación da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, ofrece nas vindeiras semanas un programa de visitas guiadas á exposición Instrumentos de Visión, do artista Armin Linke. As visitas terán lugar os días 16 e 23 de xullo e 20 e 27 de agosto, en horario de 19.00 a 20.00 horas. O rexistro, gratuíto, pode realizarse a través da web da exposición, instrumentosdevision.igfae.usc.es.

A mostra, aberta na Igrexa da Universidade desde o pasado 21 de xuño, acumula nas súas tres primeiras semanas máis de 7.000 visitas. Instrumentos de Visión compila máis de 20 anos de traballo do artista Armin Linke (Milán, 1966), a partir da observación das investigacións realizadas en grandes infraestruturas experimentais como o CERN, o Laboratori Nazionali di Gran Sasso (L’Aquila, Italia), ou o Institute for Quantum Optics and Quantum Information (IQOQI), de Innsbruck (Austria). Ademais, para esta ocasión, Armin Linke realizou unha serie de obras nas que se recolle o labor científico do persoal do IGFAE, presente nalgunha das máis importantes colaboracións científicas internacionais en física de partículas, como o experimento LHCb do CERN.

O proxecto é froito da colaboración do IGFAE con Arts at CERN, o programa de arte da Organización Europea para a Investigación Nuclear, co gallo do 25º aniversario do IGFAE e os 70 anos da fundación do CERN. Instrumentos de Visión está comisariada por Mónica Bello (Santiago de Compostela, 1973), directora de Arts at CERN.

Aparellos para observar os elementos fundamentais da materia

A exposición reflexiona sobre como, nas últimas décadas, a combinación de grandes avances técnicos e achados científicos “revolucionaron a nosa percepción do espazo, o tempo e a materia”, segundo destaca a comisaria Mónica Bello. Grazas a estes progresos, a comunidade científica desenvolveu complexísimos instrumentos que permiten desvelar o funcionamento dos elementos máis fundamentais da materia.

No singular marco da Igrexa da Universidade, a proposta de Linke convida ao público, a través de 16 obras, a achegarse a estes espazos de investigación, captando a dinámica dos laboratorios de física de partículas. Deste xeito, Instrumentos de Visión reflexiona tamén sobre o modo no que a ciencia non é un esforzo solitario. Ao contrario, vese como un empeño colectivo no que interveñen actores humanos e contornas socialmente entrelazadas, comprendidas polo persoal investigador, os instrumentos, os artefactos e os materiais de laboratorio”, salienta Mónica Bello.

Este proxecto enmárcase na aposta realizada nos últimos anos polo ArtLab do IGFAE, co obxectivo de abrir novos espazos de conexión coa sociedade, e na liña de fomentar unha investigación e innovación responsables. Así, Instrumentos de Visión contribúe tamén ao diálogo entre a arte contemporánea e as diversas liñas de investigación do IGFAE.