O físico greco-francés Jean Iliopoulos (Kalamata, 1943), un dos artífices do Modelo Estándar da física de partículas, ofrece o mércores 27 de novembro (20.00 horas) unha conferencia aberta ao público no Auditorio Abanca de Santiago de Compostela (Rúa do Preguntoiro, 23). No marco da sétima edición da Semana da Ciencia do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), Iliopoulos amosará na súa charla as claves dos avances aos que contribuíu desde a perspectiva teórica para o descubrimento dun novo tipo de quark, o ‘charm’ (ou encantado), que supuxo un cambio radical na percepción da estrutura fundamental da materia e impulsou unha nova visión sobre as forzas fundamentais da natureza. A conferencia, con entrada libre ata completar capacidade, será en inglés, e contará cun servizo de tradución simultánea ao castelán para o público asistente.
Baixo o título 50 anos que cambiaron a física fundamental: de moitos modelos a unha teoría, o físico fará un percorrido por uns anos vertixinosos e moi prolíficos na historia da física. En 1970, Iliopoulos, xunto a Luciano Maiani (posteriormente director xeral do CERN) e Sheldon Lee Glashow (Nobel de Física en 1979), publicaron o artigo no que describían o mecanismo GIM (das iniciais de Glashow, Iliopoulos e Maiani). Este mecanismo esixía a existencia dun novo quark, o ‘charm’, que se sumaba aos tres coñecidos ata o momento (‘up’, ‘down’ e ‘strange’), segundo o modelo de quarks desenvolvido por Murray Gell-Mann e George Zweig. Catro anos despois, en novembro de 1974, e de forma case simultánea, dous laboratorios dos Estados Unidos detectaron experimentalmente a partícula J/Psi, o que validou a proposta teórica na que participou Iliopoulos.
Deste xeito, a contribución de Iliopoulos e os seus colegas Maiani e Glashow converteuse nun dos alicerces do Modelo Estándar, a explicación máis completa que a física conseguiu obter ata o momento para describir as partículas que conforman todo o que coñecemos, e as interaccións entre elas. Aínda que a ciencia segue traballando para atopar posibles desviacións alén deste modelo (verificado durante décadas en laboratorios como o CERN), ninguén puido, ata o momento, abrir unha fenda no grande edificio da física de partículas.
A conferencia de Iliopoulos enmárcase na sétima edición da Semana da Ciencia do IGFAE. A programación completa pode consultarse nesta ligazón. Esta cita anual do Instituto xurdiu en 2018, no marco da nova etapa no centro iniciada pola acreditación de excelencia María de Maeztu. Desde entón, participaron nela referentes internacionais nas áreas de investigación do IGFAE, como Gabriele Veneziano (teoría de cordas), Krishna Rajagopal (cromodinámica cuántica), Gabriela González (ondas gravitacionais), o exdirector xeral do CERN Rolf Heuer ou o líder da construción do acelerador de partículas LHC, Lyn Evans.
Sobre Jean Iliopoulos
Despois de graduarse na Escola Politécnica de Atenas e traballar en institucións como o CERN ou Harvard, Jean Iliopoulos desenvolveu boa parte da súa carreira na École normale supérieure de París. Foi un dos fundadores do prestixioso Laboratorio de Física Teórica desta institución, que dirixiu entre 1991 e 1995 e 1998 e 2002. Desde 2002 é membro da Academia Francesa de Ciencias, e recibiu importantes recoñecementos como o premio Dirac (2007) xunto ao seu colega Luciano Maiani, o premio en Física de Altas Enerxías e de Partículas da Sociedade Europea de Física (2011), xunto a Maiani e Glashow.
Sobre o IGFAE
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías é un centro da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, creado no ano 1999. Naceu para coordinar a investigación desenvolvida desde Galicia coa Organización Europea de Investigación Nuclear (CERN). Na actualidade, o seu persoal ten presenza nalgunhas das infraestruturas científicas máis importantes do mundo como GSI/FAIR en Alemaña, o Observatorio Pierre Auger na Arxentina ou LIGO nos Estados Unidos, e posúe unha notable proxección internacional en Física Teórica.
O IGFAE é o único centro galego que posúe a acreditación como Unidade de Excelencia María de Maeztu, outorgada pola Axencia Estatal de Investigación. Tamén forma parte da rede de centros CIGUS da Xunta de Galicia, o que acredita a calidade e impacto da súa investigación.