A sede do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Xunta de Galicia, acollerá entre o 8 e o 12 de xuño a ‘Data Science & Complexity in Fundamental Physics and the bridge to industry & society’. Este encontro pretende fomentar o diálogo entre o ámbito académico e a industria, e amosar as oportunidades profesionais para estudantes con interese na ciencia de datos. É a segunda vez que este encontro se celebra en Santiago de Compostela, logo da edición de 2024, e tres encontros previos en Coimbra (2022), Braga (2019) e Lisboa (2018). A inscrición está aberta ata o domingo 17 de maio.
Escola (8-10 de xuño) e simposio (11-12 de xuño)
O evento consta de dúas partes. Do 8 ao 10 de xuño, desenvolverase unha escola intensiva sobre probabilidade, estatística, aprendizaxe automática e sistemas complexos. Estas sesións están enfocadas a estudantes de grao, máster, doutoramento e persoal investigador posdoutoral, e serán dirixidas por Glen Cowan (Royal Holloway de Londres, Reino Unido) e Eddie Lee (Universidade Nacional de Seúl, Corea do Sur).
Nos seguintes días, xoves 11 e venres 12 de xuño, celebrarase un simposio enfocado ás relacións entre a física fundamental e a industria, coa ciencia de datos como elo de unión. Durante as dúas xornadas, representantes de empresas e institucións como Anaxa, Bahia Software, CESGA, Clarity AI, Finsa, ITG, FSAS – Fujitsu, Google, Gradiant, Inditex, ITG, Mestrelab, Navantia, Novartis, Plexus Tech, Quantum Spain ou SDG Group exporán as últimas tendencias no sector, as demandas e as aplicacións prácticas da ciencia de datos no día a día.
Ciencia de datos: coñecemento esencial nun momento de grandes transformacións
O mercado laboral a nivel global leva tempo demandando persoal especializado en ciencia de datos, e adquire unha relevancia crecente no momento actual, con profundos cambios sociais. Esta disciplina ten por obxectivo analizar enormes conxuntos de información que se producen de forma continua, para encontrar correlacións, relacións causais e patróns cos que construír hipóteses, asignar significados ou avaliar a eficiencia de algoritmos.
Nestes perfís valórase, en moitos casos, a bagaxe formativa no ámbito da física fundamental e disciplinas próximas, como as matemáticas ou a informática. As aplicacións da ciencia de datos na industria son transversais, e van, desde os xigantes das redes sociais ata as multinacionais financeiras, empresas de venta minorista, compañías farmacéuticas, de consultoría ou telecomunicacións.
Neste marco, o simposio organizado polo IGFAE pretende, por unha banda, mellorar a formación en ciencia de datos do persoal investigador que se atopa nas primeiras etapas da súa carreira. E, ao mesmo tempo, ofrece a oportunidade de establecer contacto directo co mercado laboral e, en xeral, coas necesidades da sociedade nesta materia. Ademais, o IGFAE tamén achegará ás persoas e organizacións participantes as súas capacidades científicas nas áreas da Física de Altas Enerxías, Nuclear, Astropartículas, Física fundamental ou Ciencia e Tecnoloxías Cuánticas.