Base de datos Buscar
IGFAE
Intranet
Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

03.09.2026

O cosmólogo Antón Baleato Lizancos acada unha ERC Starting Grant para entender por que se acelera a expansión do universo

Antón Baleato Lizancos regresa a Galicia logo de desenvolver toda a súa carreira investigadora nos Estados Unidos e o Reino Unido. Foto: IGFAE.
Antón Baleato Lizancos regresa a Galicia logo de desenvolver toda a súa carreira investigadora nos Estados Unidos e o Reino Unido. Foto: IGFAE.

O cosmólogo coruñés Antón Baleato Lizancos acaba de obter a bolsa Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC), incorporándose ao Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia. Desde aquí desenvolverá o proxecto ACCELENS, financiado con 2 millóns de euros, co que pretende indagar por que a expansión do universo se está a acelerar. Grazas á concesión desta bolsa, regresa a Galicia logo de desenvolver toda a súa carreira investigadora nos Estados Unidos e o Reino Unido.

As bolsas Starting Grant están dirixidas a persoal investigador que está a comezar o seu equipo ou programa de investigación independente. O persoal beneficiario que lidera os proxectos deben demostrar a natureza innovadora, a ambición e a viabilidade da súa proposta científica. Esta convocatoria do ERC é unha das máis prestixiosas no ámbito europeo, e apoia proxectos de investigación na vangarda do coñecemento liderados por persoal investigador entre 2 e 7 despois da defensa da tese de doutoramento. Con Antón Baleato, o IGFAE suma o seu segundo investigador ‘Starting Grant’, xunto a César Cabrera, que se incorporou ao Instituto no primeiro semestre de 2026 para desenvolver un proxecto sobre simulación cuántica, contratado como investigador distinguido Oportunius desde o pasado mes de agosto. Baleato, que foi beneficiario do apoio a candidatos ERC do programa Oportunius, poderá optar tamén ás próximas convocatorias de prazas de investigador distinguido do programa Oportunius para aa retención, atracción e retorno de talento investigador.

Analizar o fondo cósmico de microondas e a distribución das galaxias

Segundo explica o investigador, “é de sobra coñecido que dende o seu comezo, co Big Bang, o Universo se vén expandindo. Pero o que é potencialmente máis interesante aínda para a Física é que, durante os primeiros intres, o ritmo de expansión se viu suxeito a unha aceleración brutal que, logo dunha fracción de segundo, desapareceu”.

O misterio, con todo, non acaba aí, segundo resume Antón Baleato: “Seis mil millóns de anos despois, a aceleración volveu, e hoxe en día está a causar que o Universo se expanda de xeito cada vez máis rápido. Por que? Cal é o motor desta aceleración, e que revela sobre as leis fundamentais da natureza?”. Son algunhas das incógnitas que o cosmólogo galego pretende resolver na súa investigación.

Neste marco, “o proxecto ACCELLENS (acrónimo de Cosmic ACCELeration through a new gravitational LENS: the synergy between galaxies and the CMB) busca responder a estes interrogantes explotando sinerxías entre a luz máis antiga que podemos detectar (o fondo cósmico de microondas) e a distribución de galaxias no Universo”, explica.

Como ponte entre ambas fontes, a investigación estudará o coñecido como efecto de lente gravitacional. Debido a este efecto, “a masa das galaxias e a materia escura que as arrodea distorsionan esa luz de fondo, e axúdannos a comprender mellor de que está feito o Universo e como se está a expandir”, apunta o investigador galego.

“Ademais —engade Antón Baleato— cómpre eliminar esas distorsións para estudar o Universo primixenio. Aplicando estas técnicas a datos de telescopios punteiros coma o Simons Observatory e o Dark Energy Spectroscopic Instrument (DESI), o proxecto ACCELLENS pretende revelar o motivo polo que o Universo se expandiu de maneira acelerada no principio dos tempos, e por que o volve facer hoxe”.

Antón Baleato Lizancos

Antón Baleato Lizancos graduouse en Física pola Universidade de Columbia (EUA), e despois fixo un máster en Física Teórica e Matemáticas na Universidade de Cambridge (Reino Unido), seguido dun doutoramento en cosmoloxía na mesma institución. Dende o 2021 é investigador posdoutoral na Universidade de Berkeley e o Lawrence Berkeley National Lab (EUA). Recentemente tamén obtivo a bolsa posdoutoral Junior Leader da Fundación la Caixa, que financia proxectos desenvolvidos en centros de investigación de excelencia en España ou Portugal.

Antón ten un papel de liderado no Dark Energy Spectroscopic Instrument (DESI), no que coordina a análise conxunta do acumulamento de galaxias xunto coa pegada que deixan no fondo cósmico de microondas a través da lentificación gravitacional. Tamén está moi involucrado no Simons Observatory (SO), onde lidera o grupo de “delensing”, que vai obter as medicións máis precisas da presencia (ou non) de ondas gravitacionais xeradas intres despois do Big Bang. Nos anos vindeiros, a alta complementariedade entre DESI e SO promete revelar moito sobre a natureza da enerxía e a materia escura, os neutrinos e o Universo primixenio.

O máximo ao que podía aspirar”

A obtención desta bolsa supón, en palabras do físico coruñés, “o máximo ao que podía aspirar tanto no plano profesional coma no persoal: poder facer ciencia en condicións soñadas, montando un grupo de investigación forte e situado estratexicamente en dous dos experimentos máis destacados a nivel mundial, como son o Simons Observatory e DESI”.

Antón tamén destaca a oportunidade de regresar a ‘casa’ para continuar a súa carreira: “Aínda por riba, poder facelo en Galicia, retornando despois de pasar media vida no estranxeiro. Faime especial ilusión incorporarme ao IGFAE polo lugar que este acadou no tecido científico e cultural de Galicia, e a súa clara vontade de seguir medrando”.

Coa incorporación do cosmólogo coruñés, o Instituto recibe un novo pulo para a súa área de investigación en Partículas Cósmicas e Física Fundamental. Neste campo de traballo tamén se enmarca HERON, outro dos proxectos ERC (neste caso, na convocatoria Synergy Grant) que se desenvolven no IGFAE, liderado por Jaime Álvarez-Muñiz. O persoal do IGFAE ocupa, ademais, posicións de liderado e responsabilidade en grandes colaboracións da física de astropartículas como o Observatorio Pierre Auger, LIGO, NEXT ou HyperKamiokande.