O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro acreditado como Unidade de Excelencia María de Maeztu e membro da rede CIGUS da Xunta de Galicia, ofrece 10 contratos para a obtención da práctica profesional. Mediante esta convocatoria, e durante os vindeiros meses, as persoas seleccionadas poderán iniciar a súa traxectoria investigadora nas instalacións no centro, coa titorización do persoal científico do IGFAE. Estes contratos permiten acceder a unha formación avanzada, coa visión de continuar a carreira científica cunha tese de doutoramento.
As investigacións realizadas no marco desta formación contribuirán ás áreas científicas nas que o IGFAE é unha referencia internacional, integrándose no traballo cotián dalgunhas das principais instalacións experimentais e colaboracións de física teórica nas áreas de Física de Altas Enerxías e Física Nuclear.
Prazo de presentación de solicitudes: ata o martes 22 de abril de 2025
Máis información: https://igfae.usc.es/igfae/oferta/convocatoria-ordinaria-igfae-2025-05/
Sobre o IGFAE
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) é un centro de investigación acreditado como Unidade de Excelencia María de Maeztu pola Axencia Estatal de Investigación nos períodos 2017-2021 e 2024-2030. O IGFAE tamén forma parte da rede CIGUS da Xunta de Galicia, que recoñece a calidade e o impacto da súa investigación. Conta cun cadro de arredor de 130 persoas, incluíndo máis de 20 postdoutorais e 50 estudantes de doutoramento. O persoal investigador do IGFAE participa en instalacións experimentais como o CERN, LIGO, GSI/FAIR, GANIL, FRIB e o Observatorio Pierre Auger. O IGFAE desenvolve programas tanto en física experimental como teórica.
A investigación científica do Instituto organízase arredor de tres áreas que constitúen a base da planificación estratéxica: The Standard Model to the Limits; Cosmic Particles and Fundamental Physics; and Nuclear Physics from the Lab to Improve People’s Health.
O IGFAE ofrece un ambiente estimulante e oportunidades únicas de desenvolvemento profesional. Achegamos formación adicional para mellorar a empregabilidade futura e o éxito profesional do noso persoal investigador, incluíndo transferencia de tecnoloxía, emprendemento, divulgación e perspectiva de equidade e diversidade.
O IGFAE é un empregador que ofrece igualdade de oportunidades e dá unha benvida especial ás candidaturas de grupos infrarrepresentados en termos de identidade de xénero, orixe étnica ou social, discapacidade ou calquera outra característica. O IGFAE conta coa súa propia estratexia de Igualdade e Diversidade, con accións concretas comprometidas a incrementar o equilibrio de xénero, xeográfico e de minorías dentro do instituto. Ofrecemos un horario de traballo flexible para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar.