As portas da Rede de Centros Singulares de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela ábrense á cidadanía este sábado 25 de novembro, co gallo dunha nova edición da xornada Ciencia Singular. Persoas de todas as idades poden percorrer as instalacións dos centros singulares de investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) para coñecer, da man do persoal investigador, o labor científico punteiro que se desenvolve día a día neles. Estes centros forman tamén parte da Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (CIGUS), que integra a todos aqueles cuxa calidade e impacto da actividade investigadora foi acreditada pola Xunta de Galicia.

Dun xeito ameno e accesible, e a través de charlas divulgativas, visitas guiadas, obradoiros e experimentos, centos de visitantes poden descubrir a investigación en áreas como a química, as tecnoloxías intelixentes, a medicina molecular ou a física. Con este programa, Ciencia Singular procura fomentar vocacións científicas dende idades temperás e trasladar á sociedade a relevancia do traballo que se desenvolve nestes centros durante todo o ano. Unha vez máis, a xornada xerou un grande interese, e esgotou as prazas dispoñibles en apenas 24 horas.

CiQUS

Máis de 80 persoas, incluíndo persoal investigador sénior e júnior, persoas voluntarias e técnicas do CiQUS unen esforzos para achegar a Química aos cidadáns este sábado 25. Os e as participantes poden coñecer de primeira man a investigación de vangarda que se leva a cabo nos laboratorio de persoal investigador do centro que obtivo o respaldo do Consello Europeo de Investigación (ERC): José Luis Mascareñas, Diego Peña, Beatriz Pelaz e Javier Montenegro.

A maiores, durante o percorrido os asistentes tópanse con distintos recunchos de ciencia que abordan cuestións tan interesantes como o transporte de biomoléculas, os materiais bioinspirados e a simulación molecular. Como é habitual, trátase un percorrido polas instalacións do centro e coñécense as principais técnicas instrumentais e as súas aplicacións, mentres os cativos gozan xogando coa ciencia nos obradoiros infantís, unha actividade especialmente deseñada para que a rapazada poida aprender ao mesmo tempo que se divirte.

CiMUS

Este ano, o CiMUS ofrece aos máis novos a oportunidade de mergullarse na ciencia a través dos ‘Obradoiros Ciencia Divertida’. Os nenos e nenas de 6 a 11 anos poden participar en emocionantes actividades, dende a elaboración de dentífrico natural ata explorar o fascinante mundo das células animais e vexetais a través do microscopio. O programa tamén inclúe charlas divulgativas para todos os públicos, que se retransmiten en directo a través da canle de Youtube do CiMUS. Entre os temas destacados atópanse os proxectos ‘Xenoma Humano’ (Ángel Carracedo), a rexeneración cerebral (Jannette Rodríguez), a obesidade e enfermidades asociadas (Rubén Nogueiras), e as defensas do corpo humano (Iria Gómez).

Ademais, o público adulto ten a oportunidade de visitar o laboratorio da plataforma Innopharma e a súa recente ampliación, así como obradoiros que ofrecen experiencias en áreas como o sistema nervioso e a figura científica de Santiago Ramón y Cajal, a utilidade de imaxes infravermellas no estudo da graxa parda, a estrutura e funcionamento do corazón, como o cerebro nos engana coas ilusións ópticas, a farmacoxenética e o proxecto do centro que participa na campaña de mecenado ‘Sumo Valor’ da USC: ‘Loitando contra a calcificación vascular’ para previr enfermidades cardiovasculares.

CiTIUS

Nun momento de máxima auxe da Intelixencia Artificial e as tecnoloxías intelixentes, o equipo investigador do CiTIUS comparte un completo programa de actividades para toda a familia, procurando que o paso das persoas curiosas que visitan o centro deixe unha imaxe positiva e optimista na sociedade sobre como a tecnoloxía está a mudar, a mellor, as nosas vidas.

Así, IAs que aprenden galego ou son quen de transformar a nosa propia voz, conviven neste Ciencia Singular con viaxes de Realidade Virtual polo mundo molecular, robots que imitan o sentido do tacto humano, microchips que aprenden e toman decisións ou tecnoloxías capaces de detectar e seguir automaticamente distintos obxectos. O programa complétase con catro charlas de divulgación ao longo do día, que ofrecen unha visión dos distintos usos e aplicacións da Intelixencia Artificial.

IGFAE

Desde o IGFAE, centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, o persoal conta como se desenvolve a investigación nas diversas áreas da física nas que traballa. Así, as charlas divulgativas abordan as novas fronteiras da astronomía de raios cósmicos e ondas gravitacionais (Verónica Villa e Yago Lema), o misterio dos neutrinos (Diego Costas e Lidia Carcedo), o asombroso universo cuántico (Jose Edelstein) ou as claves dos detectores de partículas máis potentes do mundo (Iván Cambón e Alicia Muñoz).

Por outra banda, os obradoiros infantís (de 6 a 12/13 anos), mesturan a papiroflexia coa electrónica, ensinan á rapazada a crear hologramas e axudan a experimentar a gravidade a través dun videoxogo. Ademais, para o público xuvenil e adulto, as persoas que se acheguen ao IGFAE teñen un amplo abano de actividades lúdicas: converterse en ‘partículas humanas’ a través dun xogo, observar raios cósmicos a través da realidade virtual, rexistrar a radiación que nos atravesa usando un detector portátil, coñecer como funciona un ordenador cuántico,  visitar o Laboratorio Láser de Aceleración e Aplicacións e aprender como se distribúen os núcleos atómicos en tres dimensións grazas ás pezas LEGO.