A Xunta de Galicia e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) alíanse para que o alumnado mellore os seus coñecementos en física de partículas desde o ensino secundario. A través do programa Polos Creativos, impulsado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, e coa colaboración do persoal do IGFAE e o seu EduLab, este martes presentouse na nova sede do Instituto o proxecto A materia peza a pezaunha das maiores accións didáticas en física de partículas realizada en Europa ata a data.

Preto de 40 asesoras e asesores dos Polos da Rede de Formación de Profesorado participaron na actividade, na que se prepararon os 500 ‘kits’ de materia, que posteriormente serán enviados aos máis de 450 centros que imparten as ensinanzas de ESO en Galicia. Foron, en total, arredor de 215.000 pezas encaixables, que representan os elementos fundamentais da materia que compón todo o que coñecemos.

Kits de protóns, neutróns e electróns


Cada un destes sacos consta de 420 pezas de construción, repartidas en tres cores: 180 laranxas (representando os quarks ‘up’ ou ‘arriba)’, 180 azuis (quarks ‘down’ ou abaixo) e 60 brancas (electróns). Con estas pezas é posible construír protóns (combinación de 2 quarks ‘up’ e 1 ‘down’) e neutróns (2 quarks ‘down’ e 1 ‘up’), que xunto cos electróns se combinan para representar átomos, os seus diversos isótopos e a súa agregación en moléculas.

Ademais de embolsar os ‘kits’, a actividade formativa, introducida por Pablo Cabanelas, responsable de Innovación, Transferencia e Coñecemento do IGFAE, permitiu ás persoas asistentes construír algúns elementos e moléculas representativos, como o hidróxeno, o helio, o carbono-14, a auga ou a auga osixenada.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participa na presentación do kit de Polos Creativos para escolares deseñado co Instituto Galego de Física de Altas Enerxías. Foto: Xunta de Galicia.

A materia peza a peza foi presentada polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o director do IGFAE, Carlos Salgado, que destacaron a importancia da divulgación da física de partículas desde as idades máis temperás. “Queremos estimular as vocacións STEM que son fundamentais, cada vez máis, na nosa sociedade. Parecen competencias duras, pero se se fan dun xeito amable, divertido, práctico, visual e manipulativo -como propón este kit de Polos Creativos- é moito máis doado que os adolescentes galegos poidan aproximarse a cuestións complicadas como estas”, afirmou o conselleiro na presentación.

EduLab

Esta colaboración co programa Polos Creativos da Xunta de Galicia enmárcase no EduLab do IGFAE, un foro de intercambio e co-creación coa comunidade educativa, que da man do persoal científico do centro desenvolve novos proxectos que acheguen a investigación ás etapas temperás da formación académica.

A través do EduLab impúlsanse enfoques innovadores, atractivos e estimulantes, que fomenten o interese pola Física e estimulen vocacións nas persoas novas. Nos últimos anos, este laboratorio de ideas puxo en marcha iniciativas como o Proxecto MEDRA ou obradoiros de construción de cámaras de néboa.