Base de datos Buscar
IGFAE
Intranet
Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

Que é o IGFAE

O Instituto

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) é un centro de investigación mixto da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Xunta de Galicia. Foi creado oficialmente o 2 de xullo de 1999. Conta actualmente cun equipo de máis de 130 persoas, entre persoal científico, técnico, de administración e xestión.

O seu labor investigador está enfocado nas áreas da Física de Altas Enerxías, Física de Astropartículas e Física Nuclear, nas que o persoal investigador do IGFAE se sitúa nos máis altos estándares de impacto, excelencia, liderado e éxito internacional, tanto na vertente teórica como na experimental destas disciplinas.   

Neste sentido, o Instituto acumula unha longa traxectoria de participación nalgunhas das meirandes instalacións experimentais no ámbito da Física, como o Gran Colisionador de Hadróns (LHC) do CERN (situado na fronteira entre Francia e Suíza), o Observatorio Pierre Auger (Arxentina), a colaboración LIGO para o estudo das ondas gravitacionais, ou os aceleradores GANIL (Francia) ou GSI / FAIR (Alemaña).

Misión e visión

O IGFAE naceu coa misión de coordinar e fomentar a investigación científica e técnica en áreas como a Física de Altas Enerxías, a Física de Partículas e a Física Nuclear, así como en campos relacionados, como a Astrofísica, a Física Médica e a Instrumentación.

O persoal do centro está involucrado na planificación e promoción das relacións coas colaboracións internacionais nestas disciplinas. Así, o IGFAE mantén unha liña transversal de traballo sobre o desenvolvemento das futuras instalacións experimentais, co obxectivo de avaliar de maneira constante as potenciais oportunidades de investigación no contexto global.

O novo plan estratéxico do IGFAE, asentado sobre a notable evolución acadada nos últimos anos, guía a visión de dar un novo salto cualitativo como centro científico de referencia internacional.

No ámbito galego, O IGFAE estreitará tamén o vínculo con outras disciplinas. É o caso da ciencia e a tecnoloxía cuánticas, no marco da alianza estratéxica co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), así como das aplicacións da física aos tratamentos médicos, diante da implantación da protonterapia no sistema sanitario público de Galicia.

Entre os obxectivos do centro para os vindeiros anos destacan:

  1. Promover o liderado científico internacional nas áreas estratéxicas do Instituto
  2. Consolidar as liñas de investigación xa abertas e explorar outras novas
  3. Reforzar as sinerxías entre os diversos programas científicos do IGFAE
  4. Aplicar a nova Estratexia de Compromiso Industrial e Social
  5. Aumentar a diversidade e implantar políticas innovadoras de atracción, formación e retención de talento
  6. Incrementar a eficiencia da Unidade de Xestión e mellorar a captación de fontes de financiamiento competitiva

Unidade de Excelencia “María de Maeztu”

No ano 2017, o IGFAE acadou por primeira vez a acreditación como Unidade de Excelencia María de Maeztu, ingresando na alianza de centros Severo Ochoa e María de Maeztu (SOMMa). Converteuse, deste xeito, no primeiro centro científico de Galicia en acadar esta prestixiosa distinción, outorgada pola Axencia Estatal de Investigación.

Este recoñecemento supuxo unha profunda transformación: o IGFAE impulsou un ambicioso plan de atracción de talento e formación, así como un novo modelo de gobernanza e xestión e un sólido compromiso social a través da investigación e innovación responsables (RRI). Igualmente, ampliouse a axenda científica, con fitos como a incorporación á colaboración LIGO de ondas gravitacionais.

En 2024, o IGFAE acadou de novo a acreditación María de Maeztu, o que abriu unha nova etapa na consolidación do centro. Este fito coincide co 25º aniversario da súa creación e coa apertura da nova sede do Instituto, que aumentará un 70% a superficie, especialmente en laboratorios experimentais.

Rede CIGUS

Desde 2019, o IGFAE forma parte da rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (CIGUS). Esta rede integra a aqueles centros cuxa calidade e impacto da investigación foi acreditada pola Xunta de Galicia.

Na última avaliación, publicada en maio de 2024, o IGFAE volveu figurar entre os centros mellor avaliados, nun proceso supervisado por figuras de recoñecido prestixio no ámbito da ciencia e a xestión da investigación. Este apoio do Goberno autonómico de Galicia permitirá consolidar durante os vindeiros anos as estruturas científicas e de xestión do centro.