Base de datos Buscar
IGFAE
Intranet
Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

23.04.2026

O IGFAE recibe a visita da Red de Políticas de I+D+I

A sede do IGFAE recibiu na mañá do mércores 22 de abril a visita dos membros do plenario da Red de Políticas de I+D+I, reunida na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, nun encontro organizado coa colaboración da Axencia Galega de Innovación. Esta rede é un elemento de coordinación entre as comunidades autónomas e a Administración Xeral do Estado para colaborar na mobilización de recursos e acceso ao financiamento europeo no ámbito da investigación, o desenvolvemento e a innovación. Esta rede está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), de onde tamén procede o financiamento da rede de centros CIGUS da Xunta de Galicia, á que pertence o IGFAE.

A comitiva estivo formada por representantes de entidades como a Axencia Estatal de Investigación (AEI), o Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI), os Ministerios de Ciencia e Innovación e Facenda, e membros das axencias de investigación e gobernos das comunidades autónomas, entre outros organismos.

A visita foi conducida polo director do IGFAE, Carlos A. Salgado, o subdirector, Abraham Gallas, así como polos investigadores e técnicos de investigación que amosaron os novos espazos experimentais do IGFAE, ampliados logo da renovación das instalacións realizada nos últimos anos. Deste xeito, expuxéronse as achegas do IGFAE a grandes instalacións experimentais, como o LHC do CERN, así como a transferencia de coñecemento e tecnoloxía á sociedade e a industria, con exemplos como a spin-off Neutron Insights.

Durante a mañá do mércores, o plenario da Red IDI tamén visitou o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), o outro centro galego acreditado como Unidade de Excelencia María de Maeztu, e que tamén forma parte da rede CIGUS da Xunta de Galicia.

Sobre o IGFAE

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) naceu en 1999 co obxectivo de coordinar e fomentar a investigación científica e técnica nos campos da Física de Alta Enerxía, Partículas e Nuclear, e áreas relacionadas como a Astrofísica, a Física Médica ou a Instrumentación. Acolle a arredor de 140 persoas que participan en grandes instalacións experimentais como o CERN, o Observatorio Pierre Auger, LIGO ou GSI/FAIR, entre outras.

O centro foi recoñecido en dúas ocasións (2017 e 2023) como Unidade de Excelencia María de Maeztu por parte da Axencia Estatal de Investigación do Goberno de España. Tamén forma parte da rede CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e o impacto da súa investigación. Está cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027.