Un ano máis, o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, organiza en Santiago de Compostela a Masterclass Internacional de física de partículas que conmemora o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. O martes 11 de febreiro, na Facultade de Matemáticas da USC, alumnas de 1º bacharelato de centros educativos de toda Galicia poderán participar nesta xornada, na que convivirán con investigadoras do IGFAE e o CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear) e realizarán unha práctica con datos reais do experimento LHCb.

A xornada ten o obxectivo de achegar a física ás estudantes preuniversitarias galegas, coñecendo de preto o traballo realizado polo Instituto e tomando contacto con esta disciplina, Un dos labores do IGFAE é a promoción do acceso á ciencia e a participación plena e equitativa de todas as persoas, especialmente en disciplinas moi masculinizadas como a física de partículas, onde persiste unha notable fenda de xénero.

Apertura de inscricións

As estudantes e docentes interesadas poderán formalizar a súa inscrición a partir deste luns 13 de xaneiro de 2025, e ata o venres 31 ás 23.59 horas, a través do formulario de rexistro dispoñible nesta ligazón. Para garantir un óptimo desenvolvemento das sesións, a actividade ten un máximo de 60 prazas, con 2 alumnas de 1º de bacharelato por instituto (posibilidade de ampliar a 3 en función da evolución das inscricións).

A Masterclass de Física de Partículas do 11F supón unha grande oportunidade para achegar as carreiras científicas ás alumnas, polo que cómpre ter presente este criterio na selección das participantes. Ademais, dado que a discusión dos resultados será en inglés, debería tamén considerase este aspecto.

O profesorado que acompañe ás estudantes pode asistir e incluso participar activamente na Masterclass, se así o desexa, o que deberá indicar no formulario. As solicitudes serán atendidas por orde de chegada. O IGFAE farase cargo da manutención.

Programa da Masterclass

Durante a mañá, as asistentes afondarán no coñecemento da física de partículas con conferencias introdutorias, antes de mergullarse na sesión práctica. A continuación, realizarase esta actividade, na que se utilizarán datos reais do experimento LHCb, no que participan máis de 40 investigadoras e investigadores do IGFAE. Os resultados discutiranse á tarde a través de videoconferencia con investigadoras do CERN, así como con alumnas doutros países que tamén participan na Masterclass.

Na sesión da tarde haberá tamén unha charla-coloquio que poñerá o acento nas cuestións de xénero e diversidade na física de partículas, amosando os casos de mulleres procedentes de diferentes culturas, países, clases, etnias e condicións, que fixeron grandes achegas á ciencia dende os espazos que conseguiron ocupar, pero que seguen sendo en moitos casos bastante descoñecidas.

Esta xornada é froito da colaboración do IGFAE co Grupo Internacional de Divulgación de Física de Partículas – IPPOG (promotor da Masterclass) e o CERN.