Base de datos Buscar
IGFAE
Intranet
Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

14.05.2025

Kip Thorne participa nun simposio organizado no IGFAE

Kip S. Thorne, Premio Nobel de Física en 2017, visitou o venres 9 de maio o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia. Coincidindo coa súa presenza en Santiago de Compostela, no marco do Programa Conciencia, Thorne participou no simposio ‘Kip Thorne’s Gravitational Way in Santiago de Compostela’, na que o persoal do IGFAE que investiga no eido da astrofísica expuxo algúns dos exemplos máis relevantes do seu traballo científico.

Logo de impartir unha clase maxistral de Gravitación na Facultade de Física, o científico estadounidense chegou ao Instituto acompañado do director do Programa ConCiencia e catedrático da USC, Jorge Mira Pérez, e o investigador do IGFAE José Edelstein, que actúa como padriño nesta edición do ConCiencia. Recibírono na súa chegada o director do IGFAE, Carlos Salgado, e o director adxunto, Abraham Gallas. Na visita tamén estiveron presentes a decana da Facultade de Física, María Elena López Lago, e o vicedecano, Víctor Pardo Castro.

Durante o simposio, investigadores do IGFAE como Jose Edelstein, Enrique Zas, ou os membros da colaboración LIGO Juan Calderón e Thomas Dent expuxeron algúns dos avances máis salientables que o persoal do centro desenvolviu nos últimos anos. O físico estadounidense declarouse “impresionado” pola calidade científica dos traballos realizados no IGFAE no marco das colaboracións LIGO ou Pierre Auger.

A continuación, o premio Nobel mantivo unha conversa conducida por Juan Calderón e Thomas Dent, líderes do programa de investigación de ondas gravitacionais no IGFAE e membros da colaboración LIGO. Kip Thorne é un dos fundadores deste proxecto internacional, que en 2015 fixo posible a detección experimental das ondas gravitacionais. Durante a súa intervención, Thorne destacou o valor da contribución do IGFAE a LIGO, amosándose “impresionado” pola calidade do traballo realizado polo equipo liderado por Calderón e Dent.

Ao rematar a súa visita, o físico foi agasallado cun obsequio en recordo da súa visita, e deixou a súa sinatura nun dos encerados do Instituto.

O IGFAE na colaboración LIGO

Logo de recibir a acreditación como Unidade de Excelencia María de Maeztu en 2017, a dirección científica do IGFAE identificou a ciencia de ondas gravitacionais como unha liña de investigación cun grande potencial de crecemento, sobre todo en relación coa astrofísica de multimensaxeiros. Esta é unha rama da astrofísica que ten como obxectivo explotar a detección de diferentes tipos de sinais (fotóns, ondas gravitacionais, raios cósmicos, neutrinos) para mellorar e complementar a información de fontes astrofísicas.

O novo programa iniciado no IGFAE ten sinerxías con outras liñas de traballo do Instituto, en particular coa forte implicación teórica en moitos aspectos da gravidade, o uso das ondas gravitacionais como sondas da materia nuclear ultradensa nas estrelas de neutróns, así como coas actividades experimentais no marco do Observatorio Pierre Auger, o maior e máis preciso detector de raios cósmicos de ultra alta enerxía do mundo.

Na actualidade, o equipo LIGO no IGFAE conta con catro membros (Thomas Dent, Juan Calderón, Praveen Kumar e Ana Lorenzo) e conta xa cunha tese de doutoramento desenvolvida no marco de LIGO, defendida en 2024 por Verónica Villa.

Nos vindeiros anos, grazas aos laboratorios que se poñerán en marcha nas novas instalacións, o IGFAE pretende consolidar o seu programa de detección ondas gravitacionais, iniciando tamén o desenvolvemento de instrumentación experimental para esta disciplina.

Kip S. Thorne

Kip Stephen Thorne naceu en Logan, Utah (Estados Unidos), en 1940. Graduouse en física no Instituto Tecnolóxico de California (Caltech) e realizou o doutoramento en Princeton, en 1965, baixo a dirección de John Archibald Wheeler, o gran pioneiro da Relatividade Xeral tras a morte de Albert Einstein. Logo de completar a súa tese regresou a Caltech, onde desenvolveu a maior parte da súa carreira académica.

Nos anos 70, Thorne foi un dos impulsores do proxecto LIGO. Logo de décadas de traballo, coa implicación de centos de persoas de todo o mundo, construíronse dous xigantescos detectores separados por máis de 3.000km (nos estados de Louisiana e Washington) con brazos perpendiculares de varios quilómetros de lonxitude. Mediante tecnoloxía láser, estes brazos miden as ínfimas deformacións no espazo-tempo (máis pequenas ca un protón) causadas polas violentísimas fusións de buracos negros a centos de millóns de anos luz da Terra.

En setembro de 2015, os interferómetros de LIGO detectaron por primeira vez as ondas gravitacionais. Este fito da física valeulle a Thorne, xunto a Barry C. Barish e Rainer Weiss, un feixe de recoñecementos, entre os que destaca o Nobel de Física no ano 2017. A observación directa destas ‘enrugas’ no espazo-tempo, preditas teoricamente por Albert Einstein en 1915, é un dos grandes fitos da física nas últimas décadas.

Ademais do seu valioso labor científico, Thorne destaca pola súa prolífica actividade de divulgación. Colaborou co seu coñecemento sobre os buratos de verme xunto a Carl Sagan para súa a novela Contacto (1985). É autor do libro Buracos negros e tempo curvo. O escandaloso legado de Einstein, publicado en 1994. Posteriormente, xogou un papel clave na película Interestellar (2014) de Christopher Nolan, da que foi asesor científico e produtor executivo. Logo publicaría o libro A ciencia de Interestellar. Nos últimos anos, asesorou de novo a Nolan e ao actor Cilian Murphy (que interpretou  a Robert Oppenheimer no filme biográfico estreado en 2023. Thorne tamén protagonizou un capítulo da serie The Big Bang Theory.