O IV Concurso de Comunicación Científica do IGFAE remata hoxe co anuncio dos tres traballos gañadores, que recibirán 400 euros cada un. Nesta edición, recibíronse 23 obras en total.

O xurado da categoría artigos divulgativos decide outorgar o premio ao texto Física en la salud y en la enfermedad de Inés Mármol. Destacan que é un texto orixinal, interesante e ameno, pouco tratado na divulgación científica, que mostra as importantes aplicacións médicas dos avances en física e pon en valor este aspecto que non é moi coñecido polo gran público, pero que mellorou significativamente o noso benestar e achega a física á “vida real”. Ademais, o artigo será publicado proximamente na revista de América Latina Persea.

Na categoría vídeos divulgativos e tendo en conta a valoración popular, o xurado considera As tres Leis de Kepler de Xabier Pérez Couto como o traballo gañador, xa que “consegue, dunha maneira clara e concisa, achegar conceptos físicos básicos ao público non experto grazas, non só ás explicacións perfectamente correctas, senón tamén ao material audiovisual empregado. Consegue o obxectivo fundamental dun vídeo divulgativo: explicar a ciencia cunha lenguaxe simple e non técnica, apta para un gran rango de público, sen perder rigurosidade”.

En canto á fotografía científica gañadora, o xurado resolve por unanimidade que o traballo vencedor é Quark asados de Cristina López Iribarnegaray, destacando a súa “estética moi coidada, baseada nunha composición equilibrada dos elementos utilizados, que pon en valor a beleza e sinxeleza da materia ‒o átomo de helio representado‒ ao mirar os seus constituíntes máis fundamentais”.

Quarks asados, de Cristina López Iribarnegaray.

Esta actividade é unha iniciativa do grupo de divulgación do IGFAE, forma parte da IV Semana da Ciencia do IGFAE e cofinánciase con cargo ao Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.