Our Blog

08 SetInaugurado ‘O soño musical dos mapas celestes’


O Colexio de Fonseca da USC acolle do 8 ao 10 de setembro este espectáculo do IGFAE inspirado nos mapas do cosmos e as distintas maneiras de cartografalo. As entradas para todas as funcións están xa agotadas

Inspirada nos mapas do cosmos e as distintas maneiras de cartografalo, a instalación audiovisual creada pola artista Irene Dubrovsky é a base sobre a que se asenta ‘O soño musical dos mapas celestes’, un espectáculo impulsado polo ArtLab do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia. O espectáculo conta tamén con textos do investigador do IGFAE e profesor da USC José Edelstein, coa voz da cantante Uxía, a música de Germán Díaz e coa interpretación da actriz Celtia Figueiras, alén da iluminación de Octavio Más. Esta proposta de inmersión nas artes escénicas e audiovisuais que fusiona arte e ciencia, inaugurouse este martes no Salón Artesoado do Colexio de Fonseca malia que as sesións abertas ao público desenvolveranse do 8 ao 10 de setembro, ás 19.00 e 20.30 (dúas funcións ao día). As entrada están xa esgotadas para todas as funcións.

O acto inaugural estivo presidido polo reitor Antonio López, e contou coa presenza dos profesores da USC Carlos A. Salgado —director do IGFAE— e José Edelstein —autor dos textos do espectáculo—. Tamén asistiron o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García. Crédito: Elena Mora (IGFAE).

“A disposición das estrelas no lenzo da noite ofrécese como unha linguaxe musical. Os puntos deveñen sucos ao habitar o tempo e o ceo convértese nunha partitura circular”, explican os creadores do espectáculo. Estes “retrincos musicais dos mapas celestes flotan na escena, habitando o espazo, mentres soan como cristais de tempo nos instrumentos mecánicos interpretados por Germán Díaz”, engaden. O acto inaugural estivo presidido polo reitor Antonio López, e contou coa presenza dos profesores da USC Carlos A. Salgado —director do IGFAE— e José Edelstein —autor dos textos do espectáculo—. Tamén asistiron o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García.

Os puntos luminosos na noite escura son tamén un texto e o investigador do IGFAE José Edelstein, seguindo a tradición de Pitágoras e Kepler, explora “as secretas harmonías da música do cosmos nesa gran danza astronómica, narrándoas a través dalgunhas historias do Camiño de Santiago”. Ao longo dos séculos este foi transitado por cegos que levaban historias e romances na chamada literatura de cordel, á vez que adoitaban tocar a zanfona. “Durmían á beira do camiño, de fronte ao ceo, de fronte a un magnífico texto en braille. Todo nesa bóveda celeste é pasado. Fixar nela os ollos máis que ver é lembrar, volver pasar polo corazón. As cartografías do ceo son memorias do Camiño”, engade.Læila, unha muller interpretada por Celtia Figueiras, transita o Camiño ao longo dos séculos. En diálogo con personaxes do Camiño, reflexiona sobre a maneira na que habitamos o espazo e o tempo, “convertendo ao cosmos nun texto e ao territorio nun organismo vivo”, explican os creadores do espectáculo. A voz de Uxía evoca estes aspectos do cosmos e os ecos sonoros do Camiño de Santiago.

“Partituras que tamén son mapas, discos perforados que lembran textos en braille, instrumentos orixinais de música mecánica, palabras que evocan o andar de peregrinos, ecos do Camiño que se funden cos mapas do cosmos contemporáneo” son algúns dos elementos que conforman o espectáculo, segundo explican os seus creadores. “O Camiño de Santiago preséntase como un texto, reflexo doutro que habita o ceo: a Vía Láctea”, conclúen.

 

Este vídeo foi cofinanciado co cargo ao Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.