Base de datos Buscar
IGFAE
Intranet
Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

31.07.2026

O IGFAE colabora en “Galiverso explora o ceo”, unha experiencia inmersiva para divulgar a eclipse do 12 de agosto

A Cidade da Cultura de Galicia acolleu este venres a presentación de Galiverso explora o ceo, unha experiencia inmersiva que ten o obxectivo de divulgar a eclipse solar total que se poderá ver en Galicia o vindeiro 12 de agosto de 2026. O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, colabora na iniciativa mediante o desenvolvemento dunha ferramenta de realidade virtual, que se poderá desfrutar desde este mesmo venres no Museo Centro Gaiás.

Desde este mesmo venres 31, o público poderá achegarse ao Gaiás para mergullarse nunha viaxe interactiva que combina realidade virtual, astronomía e historia. A iniciativa está promovida polo Servizo de Coordinación Estratéxica e Innovación da Consellería de Educación, Formación Profesional e Universidades, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a Fundación Cidade da Cultura de Galicia, coa colaboración do Estudio audiovisual Maxina, o Museo Pedagóxico de Galicia, a USC e o propio IGFAE, xunto á spin-off Neutron Insights.

Galiverso explora o ceo

A experiencia, dirixida a persoas maiores de 8 anos, conxuga a vangarda dixital coa divulgación científica e o rico patrimonio astronómico e arqueolóxico de Galicia. Para isto, Galiverso explora o ceo, ofrece dúas modalidades complementarias de exploración virtual.

Por unha banda, deseñouse unha travesía na que o público, dentro dunha cápsula virtual, poderá percorrer algúns dos ceos nocturnos máis puros de Galicia, e visitar enclaves como  Observatorio de Pena Trevinca, a casa natal do astrónomo Ramón María Aller Ulloa en Lalín, ou o maxestoso Dolmen de Axeitos, ademáis de experimentar o abraio do mar de ardora na praia de Louro, en Muros. A viaxe servirá tamén como unha ferramenta de concienciación ambiental fronte ao impacto da contaminación luminosa.

Na outra parte da experiencia, a través dunha visión en 360º, as persoas usuarias poderán interaccionar coa mecánica celeste, manipulando o sistema Sol-Terra-Lúa arredor da eclipse, entendendo os movementos astronómicos e, as forzas gravitacionais. Así mesmo, poderán simular o vindeiro trío de eclipses na península ibérica (o total do 12 de agosto de 2026, ademáis das do 2 de agosto de 2027 e o 26 de xaneiro de 2028, que serán parciais en Galicia)  en diferentes localizacións xeográficas, desde a costa atlántica (A Guarda, Baiona, Fisterra, o Monte Pindo, A Coruña ou Cedeira), e espazos do interior (como a Cidade da Cultura ou o observatorio astronómico de Cotobade), ata os cumios máis altos das provincias de Lugo (Mustallar) e Ourense (Pena Trevinca).

Recreación en 360º desde o espazo da eclipse solar do 12 de agosto de 2026, no momento da totalidade sobre Galicia, arredor das 20.30h

Recreación en 360º desde o espazo da eclipse solar do 12 de agosto de 2026, no momento da totalidade sobre Galicia, arredor das 20.30h

O proxecto compleméntase cunha viaxe histórica a través da evolución do ensino da astronomía na exposición Explorar o ceo. Aprender astronomía, organizada en colaboración co Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) e que inclúe decenas de pezas históricas senlleiras procedentes de centros educativos históricos e dos fondos do MUPEGA.

No acto de presentación deste venres estiveron presentes o director do IGFAE, Carlos Salgado; a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo; a xefa de servizo de Coordinación Estratéxica e Innovación da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Fátima García Doval; o secretario xeral técnico, da consellería de Educación, Manuel Vila López; a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández Novoa; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos.

Datas, horarios, acceso e público

A experiencia de realidade virtual estará aberta desde este venres 31 de xullo, de martes a venres, de 16 a 20 horas. Os sábados, domingos e festivos (agás luns), abrirá de 11 a 14 e de 16 a 20 horas. Abriranse quendas cada 45 minutos, con ata 8 persoas por quenda.

O acceso é gratuíto, con reserva previa de praza a través de Ataquilla.com ou no propio Museo Centro Gaiás.

O público obxectivo son as persoas a partir de 8 anos, e as menores de 12 deberán ir en compañía dun adulto/a responsable.

Pola súa banda, a exposición Explorar o ceo. Aprender astronomía poderá visitarse de balde, sen reserva previa, de luns a domingo, de 10 a 20 horas.