O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Xunta de Galicia, será o anfitrión, do 3 ao 7 de xuño, da conferencia ‘Data Science in Fundamental Physics and the bridge to industry & society’. O encontro pretende fomentar o diálogo entre o ámbito académico e a industria, así como visibilizar oportunidades profesionais para as persoas interesadas na ciencia de datos e as súas aplicacións á sociedade e o eido empresarial. O encontro celébrase por primeira vez en Santiago de Compostela despois de tres edicións en Portugal, nas cidades de Lisboa, Braga e Coimbra.

Escola de formación e simposio

O evento, que terá lugar no Centro de Estudos Avanzados (CEA) da USC, no Parque de Vista Alegre, consta de dúas partes: do 3 ao 5 de xuño, desenvolverase un curso intensivo sobre Probabilidade, Estatística e Machine Learning, enfocado a estudantes de doutoramento e persoal investigador posdoutoral. As sesións estarán dirixidas por Glen Cowan (profesor de Física no Royal Holloway de Londres) e Pietro Vischia (investigador da Universidade de Oviedo e o ICTEA).

Nos seguintes días, 6 e 7 de xuño, celebrarase un simposio enfocado ás relacións entre a física fundamental e a industria, coa ciencia de datos como elo de unión. Durante as dúas xornadas, máis de 20 representantes de empresas e centros de investigación falarán sobre as últimas tendencias no sector, as demandas e as aplicacións prácticas da ciencia de datos no día a día.

Ciencia de datos, un sector en notable crecemento

Miles de empresas de todo o planeta andan actualmente á procura de persoal especializado en ciencia de datos, sendo un dos perfís máis demandados. Desde os xigantes das aplicacións sociais ata as empresas de venta minorista, pasando por compañías farmacéuticas, de consultoría ou telecomunicacións. Esta disciplina ten por obxectivo analizar enormes conxuntos de datos que se producen de forma continua, para encontrar correlacións, relacións causais e patróns cos que construír hipóteses, asignar significados ou avaliar a eficiencia de algoritmos.

Neste marco, o simposio organizado polo IGFAE pretende, por unha banda, mellorar a formación en ciencia de datos do persoal investigador que se atopa nas primeiras etapas da súa carreira. E, ao mesmo tempo, ofrece a oportunidade de establecer contacto directo co mercado laboral e, en xeral, coas necesidades da sociedade nesta materia. Ademais, o IGFAE tamén achegará ás persoas e organizacións participantes as súas capacidades científicas nas áreas da Física de Altas Enerxías, Nuclear, Astropartículas e Física fundamental.

Máis información sobre o evento, nesta páxina web.

O rexistro para a conferencia xa está aberto nesta ligazón. O prazo de inscrición pecharase o luns 13 de maio.