O director do Instituto  Galego de Física de Altas  Enerxías (IGFAE) e profesor da Universidade de Santiago (USC) recibiu o 27 de xuño este galardón en recoñecemento ao seu compromiso permanente coa lingua galega na súa actividade investigadora e docente. 

Fundación Lois Peña Novo entregou o pasado 27 de xuño en Soutomaior os galardóns que recoñecen, desde hai 25 anos, a traxectoria vital e profesional de persoas que empregan o galego na contorna das administracións públicas. Nesta edición, o director do IGFAE e profesor da USC Carlos Salgado recibiu o Premio Lois Peña Novo 2019 pola súa coherencia, entrega e compromiso coa lingua galega na súa actividade docente, altamente especializada, que o sitúan entre os mellores científicos no seu campo nacional e internacionalmente. Tamén foron premiados o Profesor Emérito da USC Manuel Bermejo Patino e a Maxistrada Paz Filgueira Paz. 

O acto estivo presidido pola presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, Carmela Silva Rego; o director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera Ocampo; o presidente da Fundación Lois Peña Novo, Xosé González Martínez; e a catedrática de Dereito da USC, Alba Nogueira. 

Tras os discursos de agradecemento, o subdirector do IGFAE Abraham Gallas recolleu o premio en nome de Carlos Salgado, ausente por atoparse no Comité Asesor Internacional do congreso Initial Stages 2019, en Nova York (EE. UU). No seu discurso, explicou que este era un premio á normalidade e á  visibilización de que se pode ser científico sen renunciar a ser galego fora do ámbito persoal e familiar. Así mesmo, destacou que para que o IGFAE se posicione como un referente internacional en Física de Partículas facendo ciencia punteira, obxectivo principal do instituto, debe darse a coñecer na súa contorna máis próxima. Por iso, finalizou lembrando a importancia destas distincións para poñer en valor o ámbito investigador e a necesidade de que os científicos galegos non renuncien ao seu uso tanto dentro como fóra de Galicia. 

Nota de prensa: Premios Lois Peña Novo 2019 

Imaxe: Os premiados Manuel Patino Bermejo, Paz Filgueira Paz e Abraham Gallas (en representación de Carlos Salgado). Crédito: Lois Peña Novo Foundation.