O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) organiza este venres 13 de setembro a xornada “A natureza do espazo-tempo”. Este encontro, aberto ao público xeral, reunirá a referentes científicos e divulgativos que construirán un relato conxunto sobre o nacemento do universo, a súa dinámica, a súa natureza íntima e as súas fronteiras. A actividade, que forma parte dos actos de conmemoración do 25º aniversario do IGFAE, terá lugar no auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) a partir das 17.45 horas. A entrada será libre e gratuíta ata completar a capacidade.

“Desde comezos do século XX producíronse avances fascinantes en física fundamental, que deron resposta a algúns dos misterios sobre a orixe do universo, de todo o que somos e vemos. Con todo, aínda temos por diante retos e misterios que seguen sen resposta. Neste encontro queremos profundar nalgúns destes grandes desafíos, da man de científicas e científicos de prestixio, e facelo dunha maneira accesible e amena para o público”, explican Riccardo Borsato e Jose Edelstein, investigadores do IGFAE e organizadores do encontro.

Referentes no estudo do espazo-tempo

O evento reunirá en Santiago de Compostela a catro referentes científicos en diversas áreas da física fundamental. Participarán José Alberto Rubiño: científico no Instituto de Astrofísica de Canarias, especializado en cosmoloxía e o fondo cósmico de microondas; Alicia Sintes, da Universitat de lles Illes Balears, experta no estudo das ondas gravitacionales e membro da colaboración científica LIGO; Alejandra Castro: investigadora da Universidade de Cambridge, onde estuda como unificar as leis e principios da gravidade e a mecánica cuántica; e Gastón Giribet, investigador na New York University, que investiga en teoría de cordas e buracos negros.

Cada un deles ofrecerá unha charla duns 30 minutos. Ao final das intervencións, e como peche ao evento, terá lugar unha mesa redonda para poñer en común os temas abordados, abrindo tamén o debate ao público. O encontro pecharase cun aperitivo compartido entre asistentes e conferenciantes.

A procura para entender o universo

A investigación sobre a creación e a evolución do espazo-tempo busca respostas ás preguntas esenciais sobre o principio de todo o que nos rodea, algo sobre o que a humanidade leva milenios reflexionando. Nos últimos anos, a física fundamental deu grandes pasos, revelando algunhas das leis fundamentais do universo e combinando o espazo e o tempo nunha única entidade grazas á teoría da relatividade de Einstein. Esta teoría tamén amosou que no cosmos existen actores que antes descoñeciamos, como os buracos negros, obxectos tan compactos dos que nin a luz pode escapar. Ademais, aprendemos que o universo pode comunicarse connosco a través de novos medios, como as ondas gravitacionais, detectadas por primeira vez fai menos dunha década.

Xunto a estes descubrimentos, a física formulou novas preguntas que serían impensables hai unhas décadas: como é posible conciliar as leis da gravidade coa mecánica cuántica? Que acontece dentro dun buraco negro? Que é a enerxía escura, ese misterioso mecanismo que acelera a expansión do universo?  E que podemos aprender dos sinais de ondas gravitacionais que recibimos desde o máis profundo do cosmos? Este encontro axudará a entender conceptos fundamentais, para ir alén das preguntas que nos facemos na nosa infancia, e a apreciar os desafíos máis modernos que enfrontan os científicos e científicas de hoxe.

Esta actividade enmárcase no ciclo “Salto Cuántico”, un programa do Centro de Supercomputación do Galicia (CESGA) e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), no que tamén colabora o IGFAE.