O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro acreditado como Unidade de Excelencia María de Maeztu e membro da rede CIGUS da Xunta de Galicia, ofrece 5 contratos para a obtención da práctica profesional. Mediante esta convocatoria as persoas seleccionadas poderán iniciar durante os vindeiros meses a súa traxectoria investigadora nas instalacións no centro, coa titorización do persoal científico do IGFAE. Estes contratos permiten acceder a unha formación avanzada, coa visión de continuar a carreira científica cunha tese de doutoramento.
As investigacións realizadas no marco desta formación contribuirán ás áreas científicas nas que o IGFAE é unha referencia internacional, integrándose no traballo cotián dalgunhas das principais instalacións experimentais e colaboracións de física teórica nas áreas de Física de Altas Enerxías e Física Nuclear.
Entre as funcións a realizar inclúense a análise do avance do coñecemento científico relacionado coas áreas de obxectivos estratéxicos do IGFAE, desenvolvemento de novas solucións metodolóxicas, análise de novas tecnoloxías, presentación, discusión e publicación de resultados.
As persoas solicitantes deberán cumprir con estes requerimentos:
– Grao ou equivalente en disciplinas afíns á Física Nuclear e de Altas Enerxías.
– Ter rematados os seus estudos dentro dos tres anos anteriores á data de inicio do contrato / cinco anos no caso de persoas con discapacidade.
– Non ter experiencia profesional na USC no ámbito da investigación de máis de 3 meses, nin noutro centro baixo esta modalidade por un período superior a un ano.
– Entregar un informe de vida laboral actualizado, emitido pola Tesourería Xeral da Seguridade Social
Amais, valoraranse os seguintes méritos:
- Nota media do grao ou equivalente [1]
- Ter matrícula no curso 2025-2026 nos programas de mestrado da USC en Física, ou Ciencia e Tecnoloxías de Información Cuántica.
- Calquera segundo grao ou equivalente en disciplinas relacionadas coa Física Nuclear e de Altas Enerxías
- Curriculum vitae que inclúa, se é o caso, formación específca nas áreas temáticas do IGFAE[2]
- Entrevista persoal [3]
Condicións do contrato
- Retribución bruta mensual de 618,92 €, aplicando o rateo das pagas extraordinarias en 12 mensualidades.
- Duración: 6 meses
- Xornada laboral: a tempo parcial: 17,5 horas / semana.
- Categoría laboral: persoal investigador en iniciación
Prazo de presentación de solicitudes: ata o martes 9 de xuño de 2026 ás 23.59 horas (CEST)
A data de inicio prevista pode variar dependendo da data da resolución de adxudicación do contrato. En caso de demora no inicio do contrato, respectarase a duración prevista, sempre que o financiamento autorizado o permita.
Máis información: https://igfae.usc.es/igfae/emprego/
Sobre o IGFAE
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) é un centro de investigación acreditado como Unidade de Excelencia María de Maeztu pola Axencia Estatal de Investigación nos períodos 2017-2021 e 2024-2030. O IGFAE tamén forma parte da rede CIGUS da Xunta de Galicia, que recoñece a calidade e o impacto da súa investigación, e está cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027.
Conta cun cadro de arredor de 140 persoas, incluíndo máis de 20 postdoutorais e 50 estudantes de doutoramento. O persoal investigador do centro participa en instalacións experimentais como o CERN, LIGO, GSI/FAIR, GANIL, FRIB e o Observatorio Pierre Auger. O IGFAE desenvolve programas tanto en física experimental como teórica, e está a abrir unha nova liña de investigación en ciencia e tecnoloxía cuánticas.
O IGFAE ofrece un ambiente estimulante e oportunidades únicas de desenvolvemento profesional. Achegamos formación adicional para mellorar a empregabilidade futura e o éxito profesional do noso persoal investigador, incluíndo transferencia de tecnoloxía, emprendemento, divulgación e perspectiva de equidade e diversidade.
O IGFAE promove a igualdade de oportunidades e dá unha benvida especial ás candidaturas de grupos infrarrepresentados en termos de identidade de xénero, orixe étnica ou social, discapacidade ou calquera outra característica. O IGFAE conta coa súa propia estratexia de Igualdade e Diversidade, con accións concretas comprometidas a incrementar o equilibrio de xénero, xeográfico e de minorías dentro do instituto. Ofrecemos un horario de traballo flexible para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar.
[1] Para a valoración deste ítem terase en conta a nota media do expediente académico de grao, ponderada en cada caso coa nota do expediente de titulación correspondente. Esta ponderación realizarase tendo en conta os criterios empregados na convocatoria de Formación do Profesorado de Universidade (FPU) para o ano 2025 (Anexo I). Se a persoa ten máis dunha titulación, considerarase a máis relacionada coa Física Nuclear e de Altas Enerxías. Se ambas se consideran semellantes, a que teña a puntuación media máis alta.
[2] Acreditada mediante cursos, traballo fin de grao ou prácticas académicas, publicacións científcas en revistas indexadas por Journal Citation Reports (JCR) e/ou SCImago Journal Rank (SJR), ou achegas presentadas en eventos científicos (comunicación oral/flash ou póster), actividades de divulgación e promoción da diversidade.
[3] Realizarase só ás 20 persoas candidatas que obteñan as puntuacións máis altas e un mínimo de 50 puntos nos outros de méritos