Antía Lamas Liñares, física compostelá que actualmente lidera o traballo en redes cuánticas en Amazon Web Services, ofrecerá a conferencia central da Semana da Ciencia do do Instituto Galego de Fïsica de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia. O acto terá lugar o martes 11 de novembro, ás 20.00 horas, na Casa das Máquinas. A entrada é libre e de balde ata completar capacidade.
Neste 2025 está a celebrarse o Ano Internacional da Ciencia e a Tecnoloxía Cuánticas, coincidindo co centenario da publicación, en 1925, dalgúns dos artigos que sentaron as bases da mecánica cuántica, coa conseguinte revolución da nosa comprensión do mundo natural. Co gallo desta efeméride, a Semana da Ciencia, achégase desde perspectivas moi diversas a esta disciplina, esencial para o desenvolvemento da física moderna.
Na súa charla, A segunda revolución cuántica: o camiño dende a ciencia á enxeñaría, Antía Lamas abordará as oportunidades que ofrece, 100 anos despois, o desenvolvemento da mecánica cuántica para producir novas tecnoloxías e produtos.
Antía Lamas Liñares criouse en Santiago e fixo a carreira de Física na USC. Despois obtivo un máster en Óptica Aplicada no Imperial College London, e o seu doutoramento na Universidade de Oxford. Máis adiante realizou unha estadía posdoutoral na Universidade de California Santa Barbara, antes de establecer o seu propio grupo de óptica cuántica na Universidade Nacional de Singapur. Durante o seu tempo en Singapur axudou a lanzar o Centro de Tecnoloxías Cuánticas, do que foi Investigadora Principal fundadora.
Desde 2010 traballa nos Estados Unidos, primeiro no Instituto Nacional de Estándares e Tecnoloxía e despois no Centro de Computación Avanzada de Texas. En 2019 uniuse a SpeQtral, unha startup singapurense centrada en comunicacións cuánticas baseadas en satélites, como Científica Cuántica Principal. En 2021 incorporouse a Amazon.
8ª Semana da Ciencia do IGFAE
A Semana da Ciencia é o evento divulgativo anual máis importante do IGFAE. Desde 2018, o instituto organiza un programa de actividades para todos os públicos coa finalidade de espertar curiosidade pola física e visibilizar a ciencia de excelencia á sociedade. Nesta oitava edición, que terá lugar entre o 8 e o 14 de novembro, o programa complétase con iniciativas que combinan a ciencia con outras disciplinas como o ilusionismo, a música ou a danza contemporánea.
O propio martes 11, antes da conferencia de Antía Lamas, ás 19.00 horas, a mesma Casa das Máquinas acollerá “A baralla cuántica: percepción, información e realidade”. Nesta iniciativa, o investigador do IGFAE Javier Mas e o mago Kiko Pastur únense, coa axuda do ilusionismo, para representar a perplexidade e confusión que supuxo o desenvolvemento das teorías da mecánica cuántica sobre a nosa percepción e coñecemento.
O mércores 12 (Auditorio do CGAC, 20:00 horas), chegará a música da man de Sumrrá, unha das bandas de jazz máis recoñecidas en Galicia, que este ano celebra o seu 25º aniversario. O grupo mergullarase na física cun concerto no que se estreará unha peza inédita inspirada na física cuántica. Trátase dunha iniciativa do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o propio IGFAE, co apoio do CGAC.
Ademais de iniciativas como a xa clásica NerdNite (xoves 13 de novembro 20.30h, A Nave de Vidán), a recta final da Semana da Ciencia inclúe novas iniciativas que pretenden achegarse a novos públicos, como unha Wikimaratón de Física de Partículas (xoves 13 de novembro, 15.30h, na sede do IGFAE) e un obradoiro sobre física cuántica e danza contemporánea (venres 14 de novembro, 17.00 horas, CGAC).
Sobre o IGFAE
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) naceu en 1999 co obxectivo de coordinar e fomentar a investigación científica e técnica nos campos da Física de Alta Enerxía, Partículas e Nuclear, e áreas relacionadas como a Astrofísica, a Física Médica ou a Instrumentación. Acolle a arredor de 140 persoas que participan en grandes instalacións experimentais como o CERN, o Observatorio Pierre Auger, LIGO ou GSI/FAIR, entre outras.
O centro foi recoñecido en dúas ocasións (2017 e 2023) como Unidade de Excelencia María de Maeztu por parte da Axencia Estatal de Investigación do Goberno de España. Tamén forma parte da rede CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e o impacto da súa investigación. Está cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027.