Antía Lamas Liñares, física compostelá que actualmente é científica cuántica principal en Amazon Web Services, liderando o traballo de redes cuánticas nesta multinacional, ofrece a conferencia principal da Semana da Ciencia (martes 11 de novembro ás 20.00 horas na Casa das Máquinas (Rúa das Galeras, s/n).
Na súa charla, A segunda revolución cuántica: o camiño dende a ciencia á enxeñaría, abordará as oportunidades que ofrece, 100 anos despois, o desenvolvemento da mecánica cuántica para producir novas tecnoloxías e produtos.
Antía Lamas Liñares criouse en Santiago e fixo a carreira de Física na USC. Despois obtivo un máster en Óptica Aplicada no Imperial College London, e o seu doutoramento na Universidade de Oxford. Máis adiante realizou unha estadía posdoutoral na Universidade de California Santa Barbara, antes de establecer o seu propio grupo de óptica cuántica na Universidade Nacional de Singapur. Durante o seu tempo en Singapur axudou a lanzar o Centro de Tecnoloxías Cuánticas, do que foi Investigadora Principal fundadora.
Desde 2010 traballa nos Estados Unidos, primeiro no Instituto Nacional de Estándares e Tecnoloxía e despois no Centro de Computación Avanzada de Texas. En 2019 uniuse a SpeQtral, unha startup singapurense centrada en comunicacións cuánticas baseadas en satélites, como Científica Cuántica Principal. En 2021 incorporouse a Amazon.