A Semana da Ciencia é o evento divulgativo máis importante do IGFAE. Cada ano desde 2018 o instituto organiza un programa de actividades para todos os públicos coa finalidade de espertar curiosidade pola física e visibilizar a ciencia de excelencia á sociedade.
A III Semana da Ciencia do IGFAE celebrouse nun formato renovado, completamente virtual, que se retransmitiu en directo pola canle de Youtube do IGFAE (https://www.youtube.com/igfae/). Como a emerxencia sanitaria prohibiu desprazamentos e reunións de persoas, achegámonos a golpe de click a calquera persoa do planeta co obxectivo de dar a coñecer o labor investigador do Instituto e espertar a curiosidade pola ciencia e a física.
As ondas gravitacionais, detectadas por primeira vez en 2015, bríndannos unha forma inédita de coñecer o Universo que non depende da luz da que ata o de agora nos serviamos. Grazas a interferómetros extremadamente precisos, podemos “escoitar” as colisións máis violentas e espectaculares de obxectos como buracos negros e eestrelas de neutróns a miles de millóns de anos luz de distancia, que engurran o espazo-tempo pola súa extrema gravidade. Que descubrimos coas ondas gravitacionais e que achados nos depararán no futuro os detectores espaciais planeados? Nesta conferencia, a investigadora e exvoceira de LIGO, Gabriela González, levaranos de viaxe por esta nova e apaixonante forma de mirar o Cosmos, presentada polo físico, divulgador e youtuber Javier Santaolalla.
Resolución e entrega de premios do Concurso de Comunicación Científica do IGFAE, que contará coa exposición en directo dos traballos finalistas e intervención dos autores.
O sistema de ciencia en España e no mundo non goza dunha plena igualdade na participación de mulleres e homes. Os datos mostran desigualdade das mulleres respecto a os homes en distintas dimensións e campos. En Física, a falta de presenza feminina comeza nos estudos de grao, nas que as alumnas representan en torno ao 30%, e a medida que se ascende na carreira investigadora a situación empeora, mesmo máis segundo a especialización, como en Física Teórica.
Neste debate, tres expertas en igualdade de xénero poñerán sobre a mesa algúns datos e iniciativas que se están a desenvolver para reverter esta situación: Ana Jesús López Díaz (presidenta de AMIT- Gal, vicepresidenta do Grupo de Mulleres en Física da RSEF) Yolanda Lozano (Gender in High Energy Theory – CERN) e Beatriz G. Plana (IGFAE).
O escritor, músico, actor, condutor de radio de televisión arxentino, Alejandro Dolina, participará no quinto diálogo do ciclo organizado polo IGFAE cuxo obxectivo é explorar o binomio arte-ciencia con personalidades do ámbito cultural e artístico. O encontro será moderado polo investigador do IGFAE José Edelstein.