Récord de asistentes na reunión da colaboración  RD51
Base de datos Buscar
IGFAE
Intranet
Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

20.10.2020

Récord de asistentes na reunión da colaboración  RD51

Durante a semana do 5 ao 9 de outubro celebrouse a reunión anual da colaboración RD51 do  CERN, un encontro organizado polo IGFAE e que este ano cuadriplicou a súa asistencia, con 271 rexistrados. O programa incluíu 40 charlas técnicas e outras 34 (con formato de revisión) tiveron lugar no ‘workshop’ paralelo New Horizons in TPCs, organizado por  Paul Colas (Saclay- IRFU) e Diego González-Díaz (IGFAE). O comité organizador da reunión da colaboración estivo formado por outros investigadores do IGFAE: José Benlliure, Dolores Cortina, Abraham Gallas, Juan Antonio Garzón Heydt, Ángela Saa-Hernández, Pablo Amedo e Marcos Seco.
Dedicado á investigación e desenvolvemento de detectores de gas de micropatrón (MPGD) ‒sensores gaseosos que detectan partículas ionizantes‒ a colaboración RD51 está en funcionamento desde 2009 e abarca preto de 450 persoas de 75 universidades e institutos de investigación de Europa, América, Asia e África. As charlas versaron sobre os últimos desenvolvementos en micro-fabricación, protección  resistiva, electrónica de amplificación convencional e óptica, e caracterización de novos sistemas de detección en ciencia básica e aplicada, cun enfoque especial nas cámaras de proxección temporal (TPC). O seu inventor, David Nygren (na actualidade na Universidade de Texas, Arlington), abriu o ‘workshop’ paralelo, e nel cubríronse desde os rudimentos da tecnoloxía ata os desenvolvementos máis excitantes, en moitos casos proporcionando a necesaria visión histórica.
En xeral, o workshop reflectiu a boa saúde da comunidade nestes tempos difíciles e o enxeño necesario para continuar prosperando, e establece a RD51 como unha forza impulsora sólida na instrumentación de próxima xeración de física de partículas. As contribucións ao ‘workshop’ graváronse e puxéronse ao dispor dos participantes. Os artigos científicos, unha vez revisados, incluiranse nun número especial da nova revista Particles, do editor de publicacións de acceso aberto MDPI.