Base de datos Buscar
IGFAE
Intranet
Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

05.11.2026

O IGFAE recibe ao seu Comité Científico Asesor

A sede do IGFAE acolle esta semana a reunión do seu Comité Científico Asesor (Scientific Advisory Board – SAB). Este órgano, conformado por persoas de recoñecido prestixio internacional en diferentes campos da física, ten entre os seus membros a Francis Halzen, galardoado en outubro deste ano recentemente co premio Nobel de Física como promotor do observatorio de neutrinos IceCube.

O comité manterá durante o xoves 5 e venres 6 varias reunións de traballo co persoal do Instituto, co fin de avaliar o seu desempeño científico e a estratexia cara aos próximos anos. No programa da reunión tamén figura o procedemento de selección da nova dirección do IGFAE, actualmente en curso, así como o desenvolvemento das novas liñas de investigación en ciencia e tecnoloxía cuánticas e cosmoloxía.

As sesións comezaron este xoves coa presentación do informe por parte do director do centro Instituto, Carlos Salgado, no que se expuxeron os principais logros dos últimos anos, como a renovación das acreditacións como Unidade de Excelencia María de Maeztu e da rede CIGUS ou a apertura da nova sede. Posteriormente, o persoal das áreas de astropartículas e física nuclear presentou os informes dos seus respectivos programas de investigación. Houbo tamén espazo para unha reunión co persoal investigador predoutoral e posdoutoral, que departiu co SAB sobre o ambiente de traballo e as perspectivas científicas e de formación nas etapas iniciais da carreira investigadora.

Reunión do SAB do IGFAE co persoal investigador predoutoral e posdoutoral.

Reunión do SAB do IGFAE co persoal investigador predoutoral e posdoutoral.

A xornada continuou cunha visita ás novas instalacións do Instituto e coa presentación das novas incorporacións ao IGFAE, que chegaron a través do programa propio de captación Global Talent e convocatorias competitivas como Ramón y Cajal, Junior Leader da Fundación la Caixa ou as bolsas Starting Grant do European Research Council.

Recepción coa reitora este venres

O venres, a xornada comezará coa recepción da reitora da USC, Rosa Crujeiras, ao premio Nobel Francis Halzen no Colexio de San Xerome. Xusto despois terá lugar, tamén no Reitorado, o encontro a reunión do SAB coa Xunta de Goberno do IGFAE, o principal órgano de decisión na estrutura do centro, conformado por representantes da USC e a Xunta de Galicia.

O traballo do SAB finalizará cun encontro pechado do comité asesor, do que sairán as avaliacións e recomendacións que guiarán a estratexia do centro cara aos vindeiros anos, así como o informe preceptivo para a selección da nova dirección. As propostas deste comité son esenciais no modelo de funcionamento no IGFAE, xa que a través destas avaliacións externas, analízase o nivel de cumprimento dos principais obxectivos científicos e os programas de investigación, guiando a estratexia para os próximos anos, co obxectivo de manter ao Instituto como un centro de referencia na súa área.

Membros do SAB do IGFAE

Xunto a Halzen, estiveron en Santiago de Compostela os outros cinco membros do comité asesor. Trátase de figuras de referencia internacional nas áreas de investigación nas que traballa o IGFAE, como a física de partículas, a física nuclear ou as ondas gravitacionais.

Os demais membros do comité son Sergio Bertolucci, profesor da Universidade de Boloña e director científico do CERN entre 2009 e 2015; Barbara Erazmus, directora de investigación no Centre National de la Recherche Scientifique (CNRS), directora adxunta de NuPECC e portavoz da colaboración ALICE do CERN entre 2020 e 2022; Paolo Giubellino, presidente da Commisione Scientifica Nazionale III do Instituto Nazionale di Fisica Nucleare, director científico de GSI-FAIR entre 2017 e 2024 e portavoz de ALICE entre 2011 e 2016; Gabriela González, profesora da Universidade Estatal de Lousiana e portavoz da colaboración LIGO entre 2011 e 2017, e Giulia Zanderighi, actual directora xeral do Instituto de Física Max Planck.