Base de datos Buscar
IGFAE
Intranet
Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

01.10.2026

O IGFAE abre o proceso de selección para cubrir o posto de Dirección

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) abre o proceso de selección para cubrir o posto de dirección do Instituto. A incorporación está prevista para o primeiro semestre de 2027. O prazo para a presentación de candidaturas permanece aberto ata o 15 de outubro de 2026.


Toda a información sobre o proceso pode consultarse nesta ligazón: https://igfae.usc.es/igfae/oferta/convocatoria-direccion/


Perfil das persoas candidatas

  • A experiencia na dirección de equipos, centros, estruturas científicas ou grandes proxectos de investigación.
  • A capacidade para definir e desenvolver unha visión científica e estratéxica ambiciosa para o Instituto.
  • A experiencia na captación de financiamento competitivo.
  • A participación na dirección de proxectos, colaboracións ou consorcios internacionais.
  • A capacidade para promover a cooperación entre as distintas áreas científicas, experimentais, teóricas e tecnolóxicas do Instituto.
  • O coñecemento dos sistemas galego, español e europeo de investigación.
  • A capacidade de interlocución coas institucións académicas, administracións públicas, organismos financiadores e outros axentes científicos e sociais, así como a experiencia na transferencia de coñecemento e relación coa industria.
  • O compromiso coa igualdade, a diversidade, a integridade científica, a investigación responsable e a creación dun contorno de traballo inclusivo e colaborativo.

O inglés é unha lingua habitual de traballo no IGFAE. Para o exercicio efectivo das funcións de Dirección será necesario contar cun coñecemento funcional do galego ou do castelán, ou asumir o compromiso de adquirilo nun prazo razoable desde a incorporación.

Corresponderá á persoa que exerza a Dirección:

  • Proporcionar a visión científica e definir os obxectivos estratéxicos do Instituto.
  • Liderar a elaboración, actualización e execución do plan estratéxico do IGFAE.
  • Dirixir, coordinar e impulsar as actividades científicas, tecnolóxicas, de innovación e de transferencia do Instituto.
  • Promover a excelencia científica e a colaboración entre as distintas áreas e programas de investigación.
  • Representar o IGFAE ante as institucións promotoras, os organismos financiadores e outras entidades nacionais e internacionais.
  • Promover a captación, a formación e a retención de talento científico, técnico e de xestión.
  • Impulsar a captación de financiamento competitivo e contribuír á sustentabilidade institucional e financeira do centro.
  • Presentar aos órganos de goberno do Instituto os plans de actividade, as propostas estratéxicas, os orzamentos e os informes correspondentes.
  • Coordinarse cos órganos de goberno do Instituto, a Xunta de Goberno e o Scientific Advisory Board, e dirixir e coordinar as estruturas internas científicas, técnicas e de xestión.
  • Promover un contorno de traballo inclusivo, colaborativo e respectuoso, baseado nos principios de igualdade, diversidade, integridade científica e boas prácticas.
  • Impulsar a innovación, a transferencia de coñecemento e a colaboración con outros centros de investigación, infraestruturas científicas, institucións e empresas.
  • Impulsar a comunicación científica, a divulgación, a cultura científica e a relación do Instituto coa sociedade.
  • Impulsar a colaboración, a influencia e reputación internacional do Instituto e dos seus investigadores, en especial nas grandes infrastruturas científicas internacionais, e nos foros onde se deciden as estratexias de futuro.

Sobre o IGFAE

O IGFAE é un centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e da Xunta de Galicia dedicado á investigación de excelencia en física de partículas, física nuclear, astropartículas e áreas relacionadas, desde perspectivas teóricas, experimentais e tecnolóxicas. O centro está abrindo, ademais, unha nova liña en ciencia e tecnoloxías da información cuántica, impulsada por un recente convenio co Centro de Supercomputación de Galicia, CESGA.

Neste momento, a actividade científica do Instituto organízase arredor de tres áreas estratéxicas: O Modelo Estándar ata os seus límites; Partículas cósmicas e física fundamental; e Física nuclear desde o laboratorio para mellorar a saúde das persoas. O IGFAE participa en grandes colaboracións, experimentos e infraestruturas internacionais e abrangue desde a investigación fundamental sobre os constituíntes elementais da materia e as interaccións fundamentais ata as súas aplicacións tecnolóxicas.

A súa misión inclúe tamén a formación de novas xeracións de persoal investigador, a atracción de talento, a transferencia de coñecemento, a innovación e a promoción da cultura científica, así como o retorno industrial das grandes infrastruturas internacionais nas que participa, unha das señas de identidade do centro. O Instituto foi recoñecido como Unidade de Excelencia María de Maeztu en 2017 e obtivo unha segunda acreditación para o período 2024-2030. Forma parte, así mesmo, da rede CIGUS de centros de investigación de excelencia da Xunta de Galicia. No ano 2025 foi inaugurada a sede do IGFAE, ampliando significativamente tanto o espazo físico dispoñible como as capacidades do centro.

A apertura desta sede significou o inicio dunha nova etapa para o centro, con maiores capacidades nos laboratorios experimentais para asumir os grandes retos da física dos próximos anos; cun deseño moderno e aberto, que percura unha maior integración interna, así como unha maior apertura ao exterior; e cunha organización dos espazos que promove a atracción de talento, que impulse novas liñas de investigación, e o seu desenvolvemento no centro.

A persoa que asuma a Dirección deberá liderar esta nova etapa do Instituto, consolidar os avances acadados, reforzar a súa posición internacional e promover unha visión científica ambiciosa, integradora e sostible para os próximos anos.