A ciencia terá espazo propio na nova edición do festival Revenidas, que se celebrará en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) do 10 ao 13 de setembro de 2026. As persoas asistentes á cita musical poderán desfrutar tamén de charlas e talleres impartidos por algunhas das figuras máis relevantes da divulgación no ámbito galego e estatal, que pasarán polo escenario “Ondas e partículas”, instalado no propio recinto.
Trátase dun proxecto promovido polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), co apoio da fundación de Ciencia e Sociedade do CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear), e da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT). A das Revenidas será a única parada este ano na península ibérica do CERN Festival Programme. Esta iniciativa achega desde 2016 achega a divulgación científica a festivais musicais de todo o mundo. O persoal do IGFAE xa participou en 2024 e 2025 nesta iniciativa, coa presenza de Jose Edelstein, Cristina Cabo e Yassid Ayyad no espazo instalado no Rototom Sunsplash, en Benicàssim (Castelló). Neste 2026, cando cumpre 10 anos, terá escenarios no Reino Unido, a República Checa, Dinamarca, Alemaña e o festival organizado en Texas (Estados Unidos) polo lendario músico Willie Nelson.
O IGFAE tamén estivo presente no CERN Festival Programme en 2025, con Cristina Cabo e Yassid Ayyad. Foto: Rototom Sunsplash.
O CERN, a prestixiosa organización dedicada á física, situada na fronteira entre Suíza e Francia, na cidade de Xenebra, acolle a más de 500 físicos, enxeñeiros, técnicos e estudantes españois (entre eles, preto dun cento de galegos), e alberga o maior instrumento científico xamais construído: o Gran Colisionador de Hadróns, ademais de ser o berce da World Wide Web.
O cartel científico das Revenidas estará composto por nomes como Eduardo Sáenz de Cabezón, Verónica Bolón, Paula Desiré, Jose Edelstein ou Adrián García (“El Físico Barbudo). Polo escenario “Ondas e partículas” tamén pasarán algúns dos artistas que formarán parte do elenco musical das Revenidas neste 2026. Haberá tamén espazo para participar dunha forma práctica e interactiva, con obradoiros especiais para construír (e levar para a casa), cargadores solares, observar unha cámara de néboa e incluso probar xeados feitos de nitróxeno líquido.
Ver esta publicación en Instagram
Por parte do festival Revenidas, o seu director, Xoán Quintáns, subliña: “É un orgullo para o Revenidas colaborar cunha institución do prestixio internacional do CERN e converterse no primeiro festival de Galicia en participar nesta iniciativa. Sempre defendemos a importancia do investimento en ciencia, investigación e coñecemento como bases fundamentais para construír unha sociedade mellor e máis igualitaria. Poder achegar a divulgación científica ao público do festival da man do IGFAE encaixa perfectamente cos valores que o Revenidas leva promovendo desde hai máis de vinte anos”.
O director do IGFAE, Carlos Salgado, apunta: “Consideramos que a ciencia e a arte son actividades que comparten moitas similitudes. Con esta iniciativa, alén de dar a coñecer diversos temas científicos ás persoas que asisten ao Revenidas, pretendemos transmitir tamén a emoción de facer e entender a ciencia, e como este entendemento nos conecta cunha realidade complexa e fascinante, da que a música do festival é tamén bo exemplo”.
Connie Potter, directora do CERN Festival Programme, engade: “España é un socio moi importante para o CERN e é ún auténtico pracer para nós colaborar co Festival Revenidas neste ano no que celebramos o noso 10º aniversario. O público en España sempre participa moito nos nosos eventos, volvendo cada día dos festivais, e sempre está cheo de preguntas e curiosidade. É unha alegría estar aí para eles, e con eles”.