Base de datos Buscar
IGFAE
Intranet
Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

26.03.2025

O IGFAE afonda no vínculo entre a danza e a física colaborando en “Aurora Boreal”, o novo espectáculo de Paula Quintas

Crédito da imaxe: Alberte Peiteavel.

Crédito da imaxe: Alberte Peiteavel

O Pazo da Cultura de Carballo acolle este venres 28 de marzo (21.00 horas) a estrea de Aurora Boreal, o novo espectáculo da artista Paula Quintas. Esta peza conta coa asesoría científica do IGFAE, a través do investigador Héctor Álvarez Pol, que compartiu con Paula Quintas diversas claves sobre como representar a través da danza o proceso de formación das auroras polares, o vento solar e os cambios no estado da materia. A cita enmárcase na XXIII edición do programa Primavera en Danza impulsado polo municipio carballés.

Aurora Boreal é unha proposta inmersiva onde o corpo está ligado a imaxe, usando o xeo como elemento escenográfico efémero para reflexionar sobre a fugacidade das cousas e os seus cambios. Esta peza de danza contemporánea convida á contemplación fronte á unha sociedade de consumo fugaz, onde a atención humana é cada vez máis escasa. A través das auroras boreais e a súa simboloxía, Paula Quintas e a directora Rut Balbís constrúen un relato que incita a experimentar a beleza do tránsito efémero da vida e a natureza. Deste xeito, o público ten a oportunidade de vivir un momento único, que se presenta como unha metáfora visual e emocional do noso propio paso polo mundo.

Logo da estrea en Carballo, Aurora Boreal poderá verse tamén en Ferrol (29 de marzo), Bilbao (5 e 6 de abril), Ourense (14 a 16 de abril) e Santiago de Compostela (30 de abril).

Novo episodio do achegamento entre a danza e a física

O novo espectáculo de Paula Quintas dá continuidade á colaboración tecida co IGFAE, da man de Héctor Álvarez, profesor no Departamento de Física de Partículas da Universidade de Santiago de Compostela e investigador do IGFAE. O ano pasado, ambos puxeron en marcha o obradoiro Mundo Quark: Danza Cuántica, no marco da celebración das Festas do barrio de San Pedro e co apoio do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Neste proxecto, arredor dunha vintena de persoas puideron participar nunha xornada na que se combinaron as propiedades e interacción das partículas elementais co corpo e o seu movemento.

Máis tarde, en novembro, e dentro da programación da Semana da Ciencia, o IGFAE acolleu un diálogo entre Paula Quintas e Héctor Álvarez, no marco do ciclo ‘Transfronteirizas. Conversas de Arte e Ciencia’. Neste encontro, compartiron co público asistente o proceso de creación do proxecto Mundo Quark: Danza Cuántica.