O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez González, visitou na mañá do xoves 13 de xuño as novas instalacións do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia. Na visita estivo acompañado polo reitor da USC, Antonio López, o director do IGFAE, Carlos Salgado, o director científico asociado do centro, Abraham Gallas, e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez.

Na súa visita, o titular do departamento de Ciencia do Goberno galego salientou que a ampliación e renovación das instalacións do IGFAE terá por obxectivo aumentar a superficie dos laboratorios experimentais, espazos comúns de traballo e áreas destinadas ás actividades de divulgación. “Isto vai supoñer un salto cualitativo nas instalacións deste instituto, que forma parte da Rede de centros de Investigación niversitaria de Galicia”, sinalou o conselleiro.

Na actualidade, o persoal do IGFAE ocupa xa parte das dependencias da nova sede, froito dun investimento de 4,8M€ por parte da Xunta de Galicia ao abeiro do convenio entre a Consellería e as tres universidades galegas para mellorar as súas infraestruturas de investigación. As obras, cuxa finalización está prevista para finais de 2024, farán que o IGFAE incremente nun 70% a súa superficie previa.

Fotografías: Santi Alvite / USC.

Centro de relevancia internacional

Despois do percorrido polas novas instalacións, Román Rodríguez destacou o potencial do IGFAE, “o único centro de investigación galego que conta coa acreditación como Unidade de Excelencia María de Maeztu, que ademais vén de revalidar”. O conselleiro incidiu na “marca de calidade que esta distinción estatal imprime á actividade que se realiza nel, e que lle abre as portas a seguir participando en proxectos internacionais de tanta relevancia como os desenvolvidos en colaboración coa Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN) en Xenebra”.

Esta acreditación de excelencia facilita, así mesmo, a formación de persoal investigador e a captación de talento a nivel internacional. Así, case o 30% dos 103 investigadores do IGFAE é persoal captado do estranxeiro. O centro mantén, ademais, unha elevada porcentaxe de éxito en convocatorias de alto prestixio, como as do European Research Council (ERC), Marie Sklodowska-Curie e Ramón y Cajal, que agardan reforzar coa renovación da acreditación.

Celebración do 25º aniversario

Á apertura da nova sede e o dobre recoñecemento de excelencia autonómico e estatal súmase, neste 2024, a celebración do 25º aniversario do IGFAE. No marco desta efeméride, o IGFAE desenvolverá un amplo programa de actividades abertas á sociedade, co obxectivo de dar a coñecer o labor científico realizado no centro. Estas accións poñerán especial acento no vínculo entre a ciencia e as artes, na liña do camiño aberto desde hai anos nos IGFAE Labs.

A primeira destas actividades terá lugar o vindeiro 21 de xuño, coa inauguración, na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela, dunha exposición organizada en colaboración co programa de arte do CERN, Arts at CERN, e que conmemora tamén os 70 anos da fundación desta institución.

Sobre O IGFAE

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías creouse en 1999, dúas décadas despois de a comezos dos anos 80 do século XX se iniciasen na USC as primeiras actividades de investigación no campo da física de partículas. Durante este cuarto de século, o persoal do IGFAE consolidou a presenza galega nalgunha das meirandes instalacións científicas internacionais, como o CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear), a colaboración LIGO para a detección de ondas gravitacionais ou o observatorio de raios cósmicos Pierre Auger.

Neste 2024, o IGFAE afronta un momento clave na súa traxectoria, convertido xa nun centro de referencia internacional na física de altas enerxías, astropartículas e física nuclear. O centro renovou a súa presenza na Rede Galega de Centros de Investigación de Excelencia, impulsada pola Consellería e Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.

Ademais, en marzo deste ano volveu obter a acreditación como Unidade de Excelencia María de Maeztu, que outorga a Axencia Estatal de Investigación. Ata o momento, é o único centro galego en recibir este prestixioso selo.