Para financiar a actividade dos novos centros de investigación do SUG, a Xunta de Galicia investirá nos vindeiros tres anos preto de 18 millóns de euros, un total cofinanciado ao 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Deles, 10.876.777,77€ estarán destinados á USC, que con esta resolución suma un centro novo (IGFAE) e incrementa o financiamento dos outros centros.
Deste xeito, o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) disporá dun orzamento total de 3.010.000,00€ ata 2022 (o máximo previsto na convocatoria), fronte aos 2.889.666,67€ que recibirá o CiQUS (Centro Singular en Química Biolóxica e Materiais Moleculares) os 2.769.333,33€ do CiMUS (Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas) e os 2.207.777,77€ do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes).
Madurez e solidez
As novas axudas permitirán consolidar o modelo competitivo de investigación dos centros singulares. No que atinxe ao CiQUS, fontes do centro aseguran que «a axuda permitirá mellorar a nosa estrutura de apoio técnico e xestión da investigación, así coma os procesos de captación de talento nos que temos sido pioneiros, como as bolsas de verán ou os contratos de master». As mesmas fontes amósanse convencidas que que os novos fondos «contribuirán ao establecemento de novos proxectos colaborativos e axudarannos a profundar a nosa relación coa industria».
Para Senén Barro, director científico do CiTIUS, «é importante salientar que a USC recibe case dous de cada tres euros do total asignado a tódolos centros do Sistema Universitario de Galicia, o que tamén pon de manifesto a madurez e solidez da súa Rede de Centros Singulares de Investigación, e o axeitado funcionamento do modelo». Polo que respecta ao Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes, que recibe un 83’3% anual máis cá no anterior período, o profesor Barro asegura que «este resultado evidencia o bo traballo que se está a facer no CiTIUS, e o acertado da nosa aposta pola especialización en Tecnoloxías Intelixentes para converternos nun centro de referencia internacional neste ámbito».
Desde o IGFAE, o seu director Carlos Salgado salienta a relevancia deste programa, que «permite a Galicia avanzar nun modelo de centros de investigación de grande éxito en outras partes do Estado, con estruturas organizativas e orzamentos que nos achegan aos estándares internacionais cos que nos temos que medir». O IGFAE concorría a esta convocatoria por primeira vez, despois do éxito de ter sido acreditado como Unidade de Excelencia María de Maeztu. Para o seu director, «estes éxitos recentes veñen a recoñecer unha traxectoria de 20 anos» (o IGFAE foi creado en 1999) «e o máis relevante: grazas ao aumento orzamentario será posible abrir actividades completamente novas coma o recente programa de detección experimental de ondas gravitacionais, que consolidan o posicionamento internacional do noso centro”.