Desde o ano 2019, xunto ao resto de centros singulares da Universidade de Santiago de Compostela, o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías ofrece a posibilidade de desfrutar das súas bolsas de verán. Esta convocatoria, dirixida a estudantes de grao universitario, permite que o alumnado se incorpore durante un mes ao traballo diario dos proxectos científicos do IGFAE, ampliando os seus coñecementos e entrando en contacto co mundo da investigación.

Nos últimos anos, arredor de 40 mozas e mozos tiveron a oportunidade de participar neste programa de formación. Nalgúns casos, esta experiencia supuxo o primeiro paso dunha carreira investigadora que continúa hoxe no propio instituto, onde desenvolven a súa tese de doutoramento.

No 2023, unha decena de estudantes incorporáronse durante o mes de xullo á actividade do IGFAE, apoiados e supervisados por persoal investigador do centro. Tamén participaron, entre outras iniciativas, na reunión anual do IGFAE, celebrada o 11 de xullo.

Gonzalo, Carlota, Juan, Iván e Adrián, cinco dos participantes no programa das Bolsas de Verán, resumen así a súa experiencia no IGFAE:

1- Que traballo desenvolvestes durante a vosa estancia no IGFAE?

2- Que vos levades da vosa experiencia?

3- Que perspectivas de futuro tedes nas vosas carreiras?

Gonzalo Díaz Sánchez

1- Estiven traballando, baixo a supervisión de Juan A. Garzón, na análise dos datos dun experimento desenvolvido no CERN. O experimento trata de profundar no estudo dun efecto anómalo observado nunha tese dirixida polo profesor Garzón. Este efecto parece indicar que nos detectores de tipo RPC (Resistive Plate Chamber) existe unha relación entre a carga inducida polas partículas cargadas de moi alta enerxía que atravesan este tipo de detectores e a súa masa. Isto podería permitir o desenvolvemento de detectores sensibles á masa das partículas.

O meu traballo centrouse na separación das distintas especies de partículas que conforman o feixe co que se experimenta, mediante a diferenciación por tempos de voo entre detectores e a discriminación mediante detectores Cherenkov.

2-  Esta experiencia axudoume moito para coñecer desde dentro o traballo que leva a cabo neste mundo, e cavilar se me gustaría dedicarme a isto. Aprendín moitísimas cousas, especialmente sobre Física de Partículas, detectores e o uso da librería de Python “PyROOT” para levar a cabo a análise dos datos. Para esta última parte, contei coa axuda de Yago Radziunas (alumno que tamén participou nas Bolsas de Verán do IGFAE).

Sen dúbida, o que máis me gustou foi a sensación de obter as miñas propias conclusións que, despois de ser contrastadas co meu supervisor, resultaban ser correctas e de axuda para o proxecto.

Por outra banda, e alén da Física, tiven a sorte de compartir esta experiencia con outros estudantes que fixeron a miña estancia no IGFAE especialmente agradable.

3- Este ano comezo o último curso do grao en Física na Universidade de Santiago. Encantaríame continuar aprendendo e desfrutando como fixen ata o de agora. Posteriormente teño pensado facer un máster, pero polo momento non teño claro cal, e espero que este ano me axude a decidirme. Unha vez acabado o máster, pensarei a que quero dedicarme. De novo, espero que os próximos anos dean respostas a estas dúbidas.

Encantaríame agradecer ao IGFAE o trato tan próximo e agradable, e a oportunidade de vivir esta experiencia. Moitas grazas!

Carlota Carrillo Gómez

1- Durante estas semanas estiven traballando con Lorenzo Cazón e a axuda de Miguel Martins, investigadores no proxecto Pierre Auger, dedicado ao estudo dos raios cósmicos de moi alta enerxía. O meu traballo consistiu en estudar cales son os efectos do campo magnético do Sol na traxectoria das partículas, para o que realicei un programa de simulación sinxelo baixo previo estudo analítico da situación máis simple (que sería considerar o campo constante). Ademais, tamén me informei sobre cal é a situación actual da modelización do campo magnético galáctico e a súa utilidade para determinar a traxectoria dos raios cósmicos.

2- Eu diría que, en primeiro lugar, levo comigo o feito de sentirme realizada: despois de tres anos estudando na carreira, ves que esa teoría que aprendiches ten un propósito, unha utilidade. Que vai alén de “simples” problemas hipotéticos e de modelos que sempre nos ensinaron. Si, é certo, o mundo da investigación é complexo, e en numerosas ocasións chegas a un punto sen saída, e iso é tremendamente frustrante (xa o comprobei).

Pero, doutra banda, é un reto que che convida a seguir cada día. Un reto para contigo mesma. Iso é o segundo que aprendín: a satisfacción final de cumprir o obxectivo, aínda que só sexa a súa mera idea, é parte da definición de investigación. E tamén a satisfacción e os compañeiros, por suposto. E por iso a experiencia axudoume a reafirmar que o futuro que imaxinara para min, é o que quero.

3- No futuro, gustaríame dedicarme á investigación, no campo da astrofísica. Desde pequena ese foi o meu soño, miraba ao ceo e pensaba en “que son as estrelas?” e “que haberá máis aló?”. Sígomo preguntando, e por iso quero estudalo e entendelo. Así que, a curto prazo, aspiro a estudar un máster en Astrofísica (se hai sorte e pódese).

Juan Álvarez Ruiz

1- Durante o mes de xullo estiven a traballar xunto a Meijian Li na creación dunha pequena guía de utilización da teoría de perturbacións no formalismo hamiltoniano. Este método consiste en atopar solucións a problemas difíciles a partir de problemas máis sinxelos, dos cales coñecemos a solución.

Na guía, ademais de explicar o método tratamos de estudar as súas limitacións, en especial no caso de que existan dexeneracións, situación moi común cando existen simetrías no sistema para estudar.

2- Gustoume o ambiente que había dentro do IGFAE e a liberdade que teñen para falar entre investigadores que traballan en campos distintos. Tentan axudarse e entender no que traballa o outro para así poder colaborar ou ter un punto de vista máis xeral.

3- Aínda non teño moi claro que quero facer. O máis probable agora mesmo é que continúe no ámbito académico, a investigación non soa mal, en especial a física teórica é algo que me gustaría coñecer desde dentro.

Iván Blanco Calviño

1- Durante a miña estancia no IGFAE estiven analizando datos do experimento en VAMOS do meu titor Daniel Fernandez. O que se quería era buscar evidencias de asimetría nos procesos de fusión-fisión para fragmentos fisionantes (produtos das reaccións de fisión) de alto número atómico.

Isto daría un indicio de que se está producindo ‘quasi-fisión’, que é un proceso no que ao producir a fusión de dous elementos para observar posteriormente un proceso de fisión, para aqueles fragmentos fisionantes de alta Z (que son inestables) prodúcese só unha compartición dos nucleóns externos do núcleo, en lugar de formarse un núcleo composto completo. De confirmarse, esta sería a primeira observación directa deste proceso de ‘quasi-fisión’.

2- Desta experiencia lévome o feito de coñecer como é o ambiente de traballo dun grupo de investigación, así como técnicas de análise de datos que non aprendín durante a carreira.

3- Tras rematar de estudar Física este curso, teño pensado facer o máster en Física na USC na especialidade de Nuclear e Partículas, para logo continuar cunha carreira investigadora cun doutoramento en Física Nuclear. De aí en diante non teño ningunha meta máis, non sei se continuar cun posdoutoramento, pasarme a docencia ou por outra banda acabar traballando nunha empresa. Supoño que irei esclarecendo as dúbidas co paso do tempo.

Adrián Roig Oliver

1 – Ao longo deste mes de xullo traballei con Javier Mas Solé. O meu proxecto constou en esencia de 2 etapas complementarias: en primeiro lugar, aprender os conceptos base de Computación Cuántica usando a plataforma Qiskit e os recursos de apoio ofrecidos polo meu titor. Despois disto xurdiu a oportunidade de poder utilizar unha nova linguaxe denominada Qutip, especializada en ferramentas para o cálculo en Mecánica Cuántica.

En segundo lugar, e como propósito central, o proxecto centrouse en entender as bases das Transicións de Fase Cuánticas, a súa conexión coas que ocorren clasicamente e o efecto de incorporar unha xeometría particular ao problema. En concreto, usando o Modelo de Ising Transverso simulouse unha cadea 1-dimensional, onde en cada posición discreta desta “colócase”un qubit. Isto permite tentar estudar como a evolución rexida polo Hamiltoniano do Modelo de Ising propaga a información en sistemas multi-qubits entrelazados “localizados” en diferentes posicións da rede. Outros conceptos puideron ser analizados grazas a simulacións, entre eles, parámetros denominados ‘OTOC’ para o estudo do ‘Scrambling’, a equivalencia entre un Modelo de Ising Tranverso 1-D e un Modelo de Ising clásico (1+1)-D e a dualidade cuántica teórica no Modelo de Ising Transverso entre os parámetros de axuste que aparecen no seu Hamiltoniano.

2- Fóra do ‘blabla’ teórico, a experiencia de poder formar parte do IGFAE vese enriquecida pola xente coa que puiden contar, á vez que o natural e inspirador ambiente que se atopa en si en Galicia. Para as persoas movidas por vocación, estas oportunidades motivan a seguir pola rama da investigación ao atopar persoas dispostas a compartir a experiencia contigo. Na miña opinión, o máis satisfactorio que se atopa neste mundo é a posibilidade de amplitude para poder ver, entender e interpretar desde diferentes puntos de vista un mesmo fenómeno, mesmo nas situacións máis cotiás. Ao final, sentir é o que nos fai vivir e descubrir, aprender e interpretar novas cousas é o que nos fai manter ese sentimento vivo.

Durante a estancia organizáronse diferentes actividades que permitían facilitar a posta en común e actualización, entre investigadores do propio IGFAE, dos avances nos proxectos de investigación en curso. Aínda que, sen ningunha dúbida, o evento que seguro ninguén esquecerá é o primeiro torneo de ping-pong organizado polo IGFAE que se realizou tras o Retreat Anual.

Fóra das actividades organizadas polo centro, tiven a sorte de poder contar co resto dos compañeiros, cos que espero manterme en contacto, para todo tipo de actividades que facían a estancia fose do traballo máis amena. Entre estas, o noso ficticio día de vacacións para visitar a praia dunha vila próxima.

3- Como perspectiva de futuro espero seguir pola rama de investigación. En principio empezo estudando en setembro un máster en ‘Física dos Sistemas Complexos’ en Palma de Mallorca, e se todo vai ben ao ano seguinte empezarei o doutoramento. Aínda que as posibilidades aínda son moitas e é difícil saber que vai pasar, tentarei guiarme polos camiños que me vaian resultando inspiradores, sempre que sexa posible tomar esta decisión. Non quería deixar de dar as grazas pola oportunidade ao IGFAE, e a Ricardo (COO), ao meu titor e aos meus compañeiros polo seu acolledor recibimento este mes.