*NOTA: O FORMULARIO DE SOLICITUDES NA SEDE ELECTRÓNICA ABRIRASE O VENRES 26 DE XULLO DE 2024

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, ofrece un contrato para a obtención da práctica profesional no marco da cátedra Televés en Deseño Microelectrónico. A persoa seleccionada incorporarase á liña de investigación “Detección de radiación cósmica que interaccione no ordenador cuántico Qmio”, baixo a dirección de Héctor Álvarez Pol.

DETALLES DO CONTRATO
  • Xornada a tempo parcial (75%): (26,25 horas por semana). De 10.00 a 14.15.
  • Salario bruto mensual 867,51 €. Aplicarase o rateo das pagas extraordinarias en 12 mensualidades
  • Categoría laboral Persoal investigador en iniciación
  • Duración do contrato: 12 meses*. Data prevista de inicio 1 de outubro de 2024**
FUNCIÓNS DO TRABALLO
  • Determinar o dispositivo e configuración ideais para a detección de radiación cósmica que pase polo procesador cuántico.
  • Simular a interacción dos cósmicos no procesador cuántico e no dispositivo experimental.
  • Probar os detectores e os diferentes conceptos de electrónica.
  • Determinar a resolución na posición e tempo dos cósmicos de forma experimental.
TITULACIÓN REQUIRIDA

Grao en Física

Ademais, as persoas solicitantes deberán:

  • Ter finalizados os estudos dentro dos tres anos previos á data de inicio do contrato, ou cinco anos no caso de persoas con discapacidade
  • Non ter experiencia profesional na USC no ámbito da investigación por tempo superior a 3 meses.
MÉRITOS QUE SE VALORARÁN (Puntos)
  • Nota media do expediente do grao en Física (40 puntos)
  • Formación específica acreditable relacionada con detectores de física nuclear ou técnicas de análise de datos (35 puntos)
  • Entrevista persoal. A entrevista realizarase unicamente ás 4 persoas candidatas que na suma do resto dos méritos acaden un mínimo de 50 puntos. (25 puntos)
SOLICITUDES

 As solicitudes poderán facerse, a partir do 26 de xullo de 2024, a través da Sede Electrónica da USC. Cómpre identificarse a través dunha conta da USC, certificado electrónico, DNIe, Cl@ve e outras aplicacións externas como Facebook, Google ou Microsoft 365. Xunto ao formulario de solicitude deberá anexarse o Curriculum Vitae.

A convocatoria pode consultarse no portal de Contratos de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela.

Fin de prazo para enviar solicitudes: xoves, 1 de agosto de 2024, ata as 23:59 horas.

Para consultas e máis información, pode enviarse un correo electrónico a jobs@igfae.usc.es, indicando no asunto [REFERENCIA DA PRAZA: 2024-PN050.02]

SOBRE O IGFAE

O IGFAE é un centro de investigación creado en 1999. Conta actualmente cun equipo de máis de 130 persoas, entre persoal científico, técnico, de administración e xestión. O seu labor investigador está centrado nas áreas da Física de Altas Enerxías, Física de Astropartículas e Física Nuclear, nas que o persoal investigador do IGFAE se sitúa nos máis altos estándares de impacto, excelencia, liderado e éxito internacional.

O centro obtivo neste 2024 a acreditación como Unidade de Excelencia María de Maeztu, que outorga a Axencia Estatal de Investigación. Tamén forma parte da Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (Rede CIGUS), que acredita a calidade e impacto da súa investigación.

O IGFAE é unha institución que ofrece igualdade de oportunidades e comprométese a aumentar a diversidade do seu persoal, polo que acolle con especial satisfacción as solicitudes de mulleres, minorías e persoas con discapacidade. O IGFAE dispón dun Plan de Igualdade e Diversidade e traballa activamente para aumentar o equilibrio de xénero, xeográfico e de minorías dentro do instituto. O centro facilita un horario flexible para conciliar a vida laboral e familiar.

O centro ofrece ademais unha contorna moi estimulante e oportunidades únicas de desenvolvemento da carreira profesional. Ofrecemos formación en soft skills para mellorar a empregabilidade futura e o éxito profesional dos nosos investigadores, incluíndo a transferencia de tecnoloxía, e o espírito empresarial.


*A duración do contrato pode sufrir modificación en función da data de resolución de adxudicación do contrato e/ou da duración da actividade/proxecto de investigación.

**A data de inicio prevista pode sufrir modificacións en función da data de resolución de adxudicación do contrato