Os premios Breakthrough, coñecidos como os ‘Oscar da Ciencia’, anunciaron a pasada fin de semana os galardóns da súa edición de 2025. Na categoría de Física Fundamental, o premio recaeu na Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN), e os seus catro principais experimentos: ATLAS, CMS, ALICE e LHCb. Na listaxe de persoas galardoadas (as máis de 13.500 que compoñen estas grandes colaboracións experimentais), figuran máis de 30 membros actuais do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro de investigación da USC e a Xunta de Galicia, aos que hai que sumar un importante número de estudantes de doutoramento e persoal investigador que desenvolveron parte da súa carreira no centro.
O premio outorgouse ás catro colaboracións polas súas “medicións detalladas das propiedades do bosón de Higgs, que confirman o mecanismo de ruptura de simetría da xeración de masa, o achado de novas partículas relacionadas coa interacción forte, o estudo de procesos raros e da asimetría materia-antimateria, e a exploración da natureza ás distancias máis curtas e condicións más extremas no Gran Colisionador de Hadróns do CERN”.
Desde que os primeiros feixes de partículas comezaron a circular polo LHC, en setembro de 2008, os catro experimentos puxeron a proba, cunha precisión sen precedentes, o Modelo Estándar e outras teorías que describen os elementos fundamentais da materia e as súas interaccións. Entre outros fitos, as instalacións do CERN fixeron posible a detección experimental do bosón de Higgs no ano 2012. Nos vindeiros anos, coa actualización prevista a partir do ano 2030, agárdase que o LHC continúe ampliando as fronteiras do coñecemento da física fundamental.
A directora xeral do CERN, Fabiola Gianotti, declarou: “Estou moi orgullosa de ver recoñecidos os extraordinarios logros das colaboracións do LHC con este prestixioso premio”, aludindo aos “esforzos colectivos, a dedicación, a competencia e o duro traballo de miles de persoas de todo o mundo que contribúen a diario a ampliar as fronteiras do coñecemento humano”.
O IGFAE no CERN
Na actualidade, o equipo do IGFAE en LHCb está composto por 33 persoas: oito investigadores sénior, tres posdoutorais, quince estudantes de doutoramento, un enxeñeiro doutor, tres técnicos e tres estudantes de máster.
O Instituto é un dos membros fundadores do experimento LHCb, e actualmente representa o equipo español máis numeroso neste experimento, ocupando ademais cargos de alta responsabilidade na colaboración. Entre outros aspectos, o IGFAE tivo un papel protagonista no deseño, construción e instalación de detectores de LHCb como o Silicon Tracker ou o Vertex Locator (VELO), esenciais para rexistrar e analizar as colisións de partículas.
Alén da parte experimental, o persoal do Instituto mantén unha estreita colaboración co CERN desde a perspectiva teórica, en áreas de estudo como a cromodinámica cuántica, os neutrinos ou a física nuclear. Do mesmo xeito, o persoal do IGFAE está presente nos grupos de discusión dos futuros proxectos do CERN, así como na Estratexia Europea de Física de Partículas.
Premios Breakthrough
O premio Breakthrough, dotado con tres millóns de euros, destinarase, de acordo coas direccións dos experimentos, ao financiamento de bolsas de doutoramento de estudantes que traballan nas institucións pertencentes ás catro colaboracións. Na actualidade forman parte de ATLAS, CMS, ALICE e LHCb máis de 13.500 persoas de 70 países.
Os galardóns naceron en 2012, impulsados por un dos creadores de Google, Sergey Brin, o fundador de Facebook, Mark Zuckerberg, e a súa parella, Priscilla Chan, a científica e empresaria Anne Wojcicki e os filántropos Yuri e Julia Milner. Recoñecen investigacións de ciencia básica con impacto mundial nas categorías das Ciencias da Vida, a Física Fundamental e as Matemáticas, ademais de nove premios New Horizon a novos talentos da ciencia.