Case cincuenta rapazas de toda Galicia participaron hoxe na Masterclass de Física de Partículas organizada polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), en colaboración coa Facultade de Física da USC, co gallo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Esta segunda edición repetiu o éxito da xornada celebrada o ano pasado con 40 estudantes de 1º de bacharelato que, por un lado, experimentaron como é o día a día dunha investigadora en Física de Partículas e, por outro, participaron en charlas e debates cuxos obxectivos eran visibilizar o papel das mulleres científicas e promover vocacións STEM.

Tras a benvida do director do IGFAE Carlos Salgado, a clase maxistral consistiu nunha introdución á Física de Partículas, seguida dunha charla sobre aceleradores e unha práctica por ordenador na que identificaron eventos ‒colisións de partículas subatómicas‒ empregando datos reais do experimento CMS do Gran Colisionador de Hadróns (LHC) do CERN. Ao finalizar o exercicio práctico da tarde, tivo lugar o coloquio “Mulleres na ciencia” co fin de poñer en valor científicas relevantes cuxos logros foron invisibilizadas e fomentar o debate sobre a brecha de xénero que existe en diferentes eidos. Para finalizar, as alumnas presentaron por videoconferencia os resultados do exercicio á Unidade de Partículas Físicas-CIEMAT (Madrid), Universidade do Estado Paulista (Brasil), Sapienza Università di Roma (Italia) e a Universidade de Debrecen (Hungría), que participaron nesta actividade organizada simultaneamente en todo o mundo.

Estamasterclass dirixida exclusivamente ás rapazas xurdiu da necesidade de promover a participación de nenas e mulleres na ciencia e asumir o compromiso de acabar co desequilibrio de xénero nesta disciplina. Como resultado da colaboración do IGFAE co Grupo Internacional para a divulgación de Física de Partículas ­‒promotores da masterclass‒ e o CERN, o Instituto optou en 2019 por organizar esta xornada especial que replica os éxitos colleitados durante os últimos 20 anos coa Masterclass de Física de Partículas xeral. Esta actividade, dirixida a rapaces e rapazas de bacharelato, se celebrará o 12 de marzo e a inscrición está aberta ata o 28 de febreiro nesta ligazón: http://igfae.usc.es/masterclass/.

As organizadoras da segunda edición da Masterclass de Física de Partículas polo Día Internacional da Muller e a Nena foron:

  • Ana Garbayo (investigadora predoutoral do IGFAE)
  • Beatriz García (investigadora predoutoral do IGFAE)
  • Alessandra Gioventù (investigadora predoutoral do IGFAE)
  • Clara Landesa (estudiante de grao en Física na USC)
  • Verónica Villa (investigadora predoutoral do IGFAE)

This activity is co-funded by the Operational Program ERDF Galicia 2014-2020.