Juan Lois Fuentes, egresado do IGFAE, recibe o premio á mellor tese en física nuclear experimental en España

22.10.2025
O Grupo Especializado de Física Nuclear (GEFN) da Real Sociedade Española de Física (RSEF), xunto coa empresa ATI Sistemas, anunciou recentemente a resolución dos premios GEFN-ATI Sistemas ás mellores teses de doutoramento e traballos de fin de máster realizados entre os anos 2021 e 2023. Os galardóns, que recoñecen a excelencia académica e investigadora no ámbito da Física Nuclear entre a mocidade investigadora, estiveron protagonizados polo IGFAE na área de Física Nuclear Experimental.
O egresado del IGFAE Juan Lois Fuentes acadou o premio á mellor tese, mentres que o investigador predoutoral David Palacios recibiu o premio ao mellor Traballo de Fin de Máster, e Beatriz Errandonea obtivo o accésit na mesma categoría.
Juan Lois, premio á mellor tese de doutoramento
A tese Complete spectroscopy of 16C and 20O with solid and active targets using transfer reactions, defendida por Juan Lois na USC en xullo de 2023, foi premiada como a mellor de España na categoría de Física Nuclear Experimental. A investigación estivo dirixida pola profesora da USC e investigadora do IGFAE Beatriz Fernández Domínguez, xunto ao investigador Thomas Roger, do Grand Accélérateur National d’Ions Lourds (GANIL). Actualmente, Juan está a traballar como investigador posdoutoral no Facility for Rare Isotope Beams (FRIB), un centro da Michigan State University, nos Estados Unidos.
David Palacios e Beatriz Errandonea, doutorandos do IGFAE, foron recoñecidos polo seu traballo de fin de máster.
Na mesma área de Física Nuclear Experimental, no ámbito dos Traballos de Fin de Máster, o investigador predoutoral do IGFAE David Palacios Suárez-Bustamante foi galardoado como pola súa investigación Study of nuclear structure of 76,77Zn populated from β decay of 77Cu , realizada no experimento ISOLDE do CERN, e presentada en setembro de 2023 na Universidad Complutense de Madrid. Logo de graduarse en Física e realizar o seu máster en Física Nuclear, David incorporouse a finais de 2023 ao IGFAE, onde actualmente desenvolve a súa tese de doutoramento no estudo de coexistencia de forma e clusterización en núcleos exóticos baixo a dirección de Yassid Ayyad (IGFAE) e Bruno Olaizola (CSIC).
Ademais destes dous galardóns, a doutoranda do IGFAE Beatriz Errandonea Félix obtivo un accésit polo seu Traballo de Fin de Máster Análisis de la vida media del núcleo exótico rico en neutrones 54Ti y su decaimiento beta al 54V mediante espectroscopía gamma, presentado tamén en setembro de 2023 na Complutense. Igual que David, Beatriz incorporouse posteriormente ao IGFAE, onde actualmente traballa na súa tese centrada no estudo da evolución da estrutura nuclear e dinámica de fisión con reaccións a baixa enerxía dirixida por Manuel Caamaño Fresco (IGFAE) e Diego Ramos Doval (GANIL).
Para outorgar os premios, a Xunta do GEFN designou unha Comisión Avaliadora composta por Marta Anguiano (Universidade de Granada), César Domingo Pardo (IFIC, CSIC), María José García Borge (IEM, CSIC), José Enrique García Ramos (Universidade de Huelva), Joaquín López Herraiz (Universidade Complutense de Madrid), Àngels Ramos (Universidade de Barcelona) e José Luís Taín (IFIC, CSIC).