Base de datos Buscar
IGFAE
Intranet
Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

01.10.2024

O IGFAE súmase a rede europea ACME na procura de novos fenómenos cósmicos

Persoal do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) formará parte durante os vindeiros anos de ACME, unha colaboración europea que pretende mellorar a accesibilidade e a cohesión entre os observatorios máis relevantes para a investigación en astronomía e astrofísica de partículas (ou astropartículas). Deste xeito, baixo o paraugas de ACME (acrónimo en inglés do ‘Centro de Astrofísica para Estudos Multimensaxeiro en Europa’), facilitarase o acceso e intercambio de información respecto a infraestruturas de investigación, instrumentos, datos e coñecemento científico.

O IGFAE, na nova era da astronomía de multimensaxeiros

O IGFAE súmase a este proxecto a través da súa participación no Observatorio Pierre Auger. Esta enorme instalación, composta por máis de 1.600 detectores espallados en 3.000 km2 nunha chaira da provincia de Mendoza (Arxentina), é a meirande e máis precisa infraestrutura deseñada para estudar os raios cósmicos de enerxía ultra-alta, unhas das partículas máis enerxéticas do universo.  O investigador Enrique Zas, que forma parte de ACME e do equipo do IGFAE no Observatorio Pierre Auger, apunta: “Somos responsables dos eventos de ‘multimensaxeiros’, nos que se combina a sensibilidade de Pierre Auger na detección de raios cósmicos, neutrinos e fotóns cos datos doutros observatorios para estudar obxectos astrofísicos e eventos cósmicos dunha nova forma”.

No marco da revolución que está a experimentar a observación do cosmos, a astronomía de multimensaxeiros -na que se centra o proxecto ACME- está a abrir unha nova xanela para observar o universo. Grazas ao avance tecnolóxico dos últimos anos, hoxe é posible observar un mesmo evento cósmico con diferentes sinais, ou mensaxeiros, como a radiación electromagnética, as ondas gravitacionais e as emisións de neutrinos ou raios cósmicos. Esta información complementaria axuda a entender os complexos mecanismos de alta enerxía que acontecen nestes eventos.

Nos últimos anos, a través da súa área de investigación en Partículas Cósmicas e Física Fundamental, o IGFAE asumiu tarefas de responsabilidade en proxectos como o Observatorio Pierre Auger (onde o investigador Lorenzo Cazón é coordinador científico e Jaime Alvarez-Muñiz e responsable da detección de neutrinos e fotóns). O Instituto tamén forma parte da colaboración LIGO para o estudo das ondas gravitacionais, ou os experimentos de neutrinos NEXT ou DUNE.

Sobre ACME
Reunión de inicio do proxecto ACME, celebrada en París os días 16 e 17 de setembro.

Reunión de inicio do proxecto ACME, celebrada en París os días 16 e 17 de setembro.

Os días 16 e 17 de setembro, ACME botou a andar nunha reunión celebrada en París. Neste proxecto, financiado con 15 millóns de euros, participan 40 institucións de referencia en 15 países, co fin de reforzar a colaboración a diferentes niveis, para obter así unha mellor identificación dos posibles eventos astrofísicos e optimizar a súa observación e seguimento. Desta forma lévanse á práctica as recomendacións das follas de ruta do Consorcio Europeo de Física de Astropartículas (APPEC) e da Rede de Planificación e Asesoramento para a Astronomía Europea (ASTRONET).

ACME está coordinado desde o Centre National de la Recherche Scientifique (CNRS), de Francia, dirixido polo Prof. Antoine Kouchner (CNRS) e codirixido por Paolo D’Avanzo, do Istituto Nazionale di Astrofisica (INAF) de Italia. Desde o IGFAE están involucrados os investigadores Enrique Zas, Jaime Álvarez-Muñiz e Lorenzo Cazón.