O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) convoca a VI edición do Concurso de Comunicación Científica (IGFAE C3), que ten como obxectivo fomentar o interese pola cultura científica e estimular a aprendizaxe da Física e os seus fundamentos. O certame está aberto a persoas de calquera país, e divídese en catro categorías que pretenden desenvolver diferentes habilidades comunicativas, utilizando ferramentas virtuais e Internet.

Esta actividade é unha iniciativa do grupo de divulgación do IGFAE, forma parte da VI Semana da Ciencia do IGFAE e cofinánciase con cargo ao Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Quen pode participar?

Poden participar persoas de todo o mundo, con especial énfase no persoal investigador dos organismos públicos de investigación; en estudantes de doutoramento, máster e grao; en alumnado de ESO e Bacharelato e profesorado que traballa no ámbito da docencia da Física, así como profesionais da divulgación científica e xornalistas.

Os traballos poderán ser presentados de forma individual ou en grupo. Neste último caso deberá constar o nome de todas as persoas que forman parte do grupo, e especificarase ademais a persoa de contacto que actuará como representante. Pódese participar en varias modalidades, pero só se poderá gañar un premio nunha categoría.

Cales son as categorías?

  1. Fotografía científica
  2. Artigos divulgativos
  3. Vídeos divulgativos
  4. Proxectos orixinais

Como se pode participar?

As persoas deberán inscribirse enviando a documentación solicitada para cada categoría aos respectivos enderezos de correo electrónico habilitados:

A mensaxe deberá incluír nome e apelidos da(s) persoa(s) concursante(s) e un breve parágrafo con algunha información engadida (¿biografía?, ¿formación?, ¿profesión?, ¿centro de estudos / traballo?).

1. Fotografía científica

As persoas participantes presentarán unha fotografía científica con temática relacionada coa Física, especialmente a que é obxecto de estudo nas áreas de investigación do IGFAE. Cada participante poderá presentar unha imaxe dixitalizada e realizada con calquera equipo, profesional ou afeccionado, incluído o teléfono móbil. A fotografía enviada debe ser orixinal, inédita (non publicada en medios de comunicación) e non presentada a concursos. De ser o caso, o/a autor/a sería inmediatamente descualificado/a.

A fotografía achegarase por correo electrónico e acompañarase dun título e unha breve descrición (de 5 a 10 liñas). Debe estar en formato JPG e cun tamaño máximo de 5 MB. As fotografías non poderán ser alteradas electronicamente nin por calquera outro medio, non aceptándose fotomontaxes nin imaxes creadas con ferramentas de intelixencia artificial. Unicamente se permitirán correccións de cor e luminosidade.

2. Artigos divulgativos

As persoas participantes presentarán un artigo de divulgación científica (relato, entrevista, reportaxe, conto, noticia, etc.) sobre un tema relacionado coa Física, especialmente aquela que é obxecto de estudo das áreas de investigación do IGFAE. Poderán estar redactados en galego, español ou inglés, cunha extensión máxima de 1.200 palabras e deberán ser enviados nun ficheiro PDF con formato libre (e ligazón, no caso de que o artigo estea publicado na rede).

Poderán participar tanto textos inéditos como artigos publicados en medios de comunicación (neste caso, desde o 1 de novembro de 2022 ata o 31 de outubro de 2023). Non se aceptarán textos creados co apoio de ferramentas de intelixencia artificial.

3. Vídeos divulgativos

As persoas participantes presentarán un vídeo divulgativo sobre tema relacionado coa Física, especialmente aquela que é obxecto de estudo das áreas de investigación do IGFAE. A duración do vídeo será dun máximo de 5 minutos, sen límite mínimo, e realizarase en galego, español ou inglés. Poden utilizarse todo tipo de recursos audiovisuais (música, efectos especiais, animacións, outros vídeos de apoio, a condición de que non violen dereitos de autor, non se utilicen imaxes xeradas mediante ferramentas de intelixencia artificial, etc.).

4. Proxectos orixinais

As persoas participantes presentarán un traballo, obra ou proxecto, inéditos e orixinais, sobre un tema relacionado coa Física, especialmente aquela que é obxecto de estudo das áreas de investigación do IGFAE. Os traballos, obras ou proxectos seguirán un formato libre que non se axuste a ningunha das categorías anteriores; en caso contrario, pasarán a participar nalgunha delas. Deben presentarse en galego, español ou inglés e de tal forma que o xurado poida visualizalas correctamente, a través de arquivos en formatos de texto, imaxe ou vídeo comúns que non requiran softwares específicos (PDF, MP4, JPG, etc.), O xurado pode descartar un traballo se presenta erros ou dificultades para ser aberto.

Como se valorarán os traballos presentados?

As contribucións recibidas serán avaliadas por un panel composto polo equipo investigador do IGFAE, que tamén poderá incluír persoas expertas externas ao centro.

Na categoría “vídeos divulgativos”, todos os traballos recibidos que cumpran os requisitos subiranse á canle de Youtube do IGFAE. Un 50% da valoración basearase nunha votación popular en Instagram (25%) e as cifras de visualizacións en Youtube (25%). A outra metade será o resultado da aplicación dos criterios do xurado.

Na avaliación dos traballos terase en conta o rigor e a calidade dos conceptos presentados, orixinalidade e interese do tema, adecuación aos obxectivos do certame e, sobre todo, a capacidade de comunicar o contido a público non experto.

A resolución do concurso comunicarase na web do IGFAE durante a VI Semana da Ciencia que terá lugar en novembro (data por determinar).

Os xurados poden declarar deserta calquera categoría e conceder unha ou máis mencións de honra. As decisións dos xurados serán inapelables.

Ata cando se pode participar?

O período de inscrición no concurso acaba o 31 de outubro de 2023 ás 23:59 (hora en Santiago de Compostela).

Cales son os premios?

Haberá un premio por categoría: 400 euros á mellor fotografía, 400 euros ao mellor artigo, 400 euros ao mellor vídeo e 400 euros ao mellor proxecto orixinal. Todos os premios atópanse suxeitos ás obrigacións tributarias correspondentes, conforme ao disposto na normativa vixente.

En caso de resultar premiado un traballo presentado por un grupo, o premio dividirase a partes iguais entre todos os integrantes do grupo.

Cada un dos beneficiarios do premio deberá cumprir coas obrigacións legais e fiscais derivadas da obtención do mesmo. O IGFAE non se responsabilizará en ningún caso do incumprimento das obrigacións fiscais e legais dos beneficiarios dos premios.

Dereitos de propiedade intelectual

A presentación ao concurso implica que as persoas participantes son os autores orixinais dos traballos presentados, que son os lexítimos posuidores de todos os dereitos propios e que non violan os dereitos de terceiros. No caso de que esta garantía fose probada falsa, e/ou no caso de que se comezasen accións por parte de terceiros para defender os dereitos sobre a obra, imaxes ou composicións, os participantes serán responsables desta vulneración, sendo exonerada a organización de toda responsabilidade.

A participación no concurso implica a cesión libre ao IGFAE dos dereitos non exclusivos de reprodución, distribución e comunicación pública das obras premiadas ou con mención de honra desde o sitio web do IGFAE, medios impresos ou dixitais. Da mesma forma, o IGFAE podería cedelos a revistas, xornais, editoriais ou sociedades sen ánimo de lucro para as súas actividades de difusión a nivel nacional e internacional.

As persoas premiadas poderán facer públicos os traballos polos medios que consideren adecuados, sempre que fagan constar que recibiron un premio neste concurso.

Calquera dato persoal enviado á organización será usado só para a xestión de concurso.

Modificación das bases

A organización resérvase o dereito de modificar calquera punto destas bases se as circunstancias o requiren. Disto daríase publicidade a través da web da Semana da Ciencia 2023 do IGFAE.