Durante a semana do 5 ao 9 de outubro celebrouse a reunión anual da colaboración RD51 do CERN, un encontro organizado polo IGFAE e que este ano cuadriplicou a súa asistencia, con 271 rexistrados. O programa incluíu 40 charlas técnicas e outras 34 (con formato de revisión) tiveron lugar no ‘workshop’ paralelo New Horizons in TPCs, organizado por Paul Colas (Saclay- IRFU) e Diego González-Díaz (IGFAE). O comité organizador da reunión da colaboración estivo formado por outros investigadores do IGFAE: José Benlliure, Dolores Cortina, Abraham Gallas, Juan Antonio Garzón Heydt, Ángela Saa-Hernández, Pablo Amedo e Marcos Seco.
Dedicado á investigación e desenvolvemento de detectores de gas de micropatrón (MPGD) ‒sensores gaseosos que detectan partículas ionizantes‒ a colaboración RD51 está en funcionamento desde 2009 e abarca preto de 450 persoas de 75 universidades e institutos de investigación de Europa, América, Asia e África. As charlas versaron sobre os últimos desenvolvementos en micro-fabricación, protección resistiva, electrónica de amplificación convencional e óptica, e caracterización de novos sistemas de detección en ciencia básica e aplicada, cun enfoque especial nas cámaras de proxección temporal (TPC). O seu inventor, David Nygren (na actualidade na Universidade de Texas, Arlington), abriu o ‘workshop’ paralelo, e nel cubríronse desde os rudimentos da tecnoloxía ata os desenvolvementos máis excitantes, en moitos casos proporcionando a necesaria visión histórica.
En xeral, o workshop reflectiu a boa saúde da comunidade nestes tempos difíciles e o enxeño necesario para continuar prosperando, e establece a RD51 como unha forza impulsora sólida na instrumentación de próxima xeración de física de partículas. As contribucións ao ‘workshop’ graváronse e puxéronse ao dispor dos participantes. Os artigos científicos, unha vez revisados, incluiranse nun número especial da nova revista Particles, do editor de publicacións de acceso aberto MDPI.