O equipo do proxecto Trasgo, enfocado a desenvolvemento de detectores de raios cósmicos, celebrou o pasado martes 27 de xuño unha reunión de traballo na que se abordou o estado actual desta colaboración internacional, na que participa persoal investigador do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE). O encontro, que se celebrou na Facultade de Física da USC, foi escenario, ademais, da demostración práctica da nova xeración do detector miniTrasgo.

Hai uns anos, o grupo LabCAF, coordinado polo investigador do IGFAE Juan A. Garzón Heydt, comezou a desenvolver unha nova xeración de detectores, denominados Trasgos, para o estudo permanente dos raios cósmicos mediante dispositivos instalados en terra.

A diferenza das técnicas existentes, baseadas principalmente na medida de neutróns e muóns, eses dispositivos ofrecen, entre outras características, unha gran granularidade que lles permite de maneira simultánea moitas partículas, a capacidade de separar muóns e electróns mediante técnicas de software e unha estimación da enerxía electromagnética depositada no detector.

Ata o de agora construíronse catro Trasgos, dedicados a diferentes áreas de investigación, como o estudo da actividade solar, a muografía de contedores e a diversos estudos geomagnéticos e atmosféricos. A nova xeración de detectores, presentada na reunión de Santiago por Juan A. Garzón e Alberto Blanco, investigador do Laboratório de Instrumentação e Física Experimental de Partículas (LIP) da Universidade de Coimbra, supón un novo paso no desenvolvemento deste tipo de dispositivos, mais pequenos, alcanzables e con algunhas das súas prestacións melloradas.

Na reunión deste martes participaron, presencial ou de maneira telemática, investigadores e investigadoras de institucións de España, Portugal, Colombia, México, Polonia e Suíza, que están a contribuír co seu traballo ao desenvolvemento dos Trasgos e ao futuro despregamento de varios dos devanditos detectores en distintas universidades do mundo para o seu funcionamento en rede.