Oito estudantes do grao en Física procedentes da Universidade de Barcelona, Cantabria, Granada, Complutense de Madrid e Santiago de Compostela incorporáronse este xoves ao Instituto Galego de Física de Altas Enerxías como beneficiarios da II Edición do Programa de Bolsas de Verán do IGFAE (o noveno estudante, José Luis Vérez-Fraguela Cerdeira, farao a semana próxima).

Estas axudas, interrompidas o ano pasado debido á crise sanitaria pola COVID-19, permitiranlles coñecer o día a día dun centro científico de excelencia, así como ter unha primeira aproximación á carreira investigadora. Durante un mes desenvolverán proxectos individuais titorizados por persoal investigador do IGFAE asociados a algunha das tres áreas de investigación do instituto.

No acto de benvida, o director Carlos Salgado fixo unha breve presentación do IGFAE, destacando a súa acreditación como “Unidade de Excelencia María de  Maeztu” e a súa participación en colaboracións científicas internacionais como o CERN, LIGO, o Observatorio Pierre Auger ou FAIR. Despois, os titores de cada bolseiro presentáronse e explicaron os proxectos de investigación que desenvolverán os seus estudantes durante a súa estancia no instituto.

O Programa de Bolsas de Verán do IGFAE finánciase pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia.

Imaxe (de esquerda a dereita): David Castaño Bandín, Yago Lema Capeáns, Pablo Blanco Mas, Yago Radziunas Salinas, Gabriel Rodríguez Moris, Lucía Olano Vegas, Ramón Merino Rojas y José Manuel López González.