O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, acolle este xoves 15 de febreiro de 10.00 a 14.00 horas o encontro “Tech & IT career opportunities at the Europe’s most innovative tech region“.

A actividade está organizada polo TechLab do IGFAE, un dos tres espazos que contribúe a achegar a investigación do instituto á sociedade e a súa contorna inmediata. O rexistro pode formalizarse nesta ligazón.

No marco desta iniciativa, a Unidade de Innovación, Coñecemento e Transferencia de Tecnoloxía do IGFAE organiza un encontro con Tinus van de Pas, fundador e director xeral de TTalent, unha axencia que achega oportunidades profesionais a xóvenes especializados en tecnoloxías da información. TTalent ten sede na área de Brainport Eindhoven, situada nesta cidade holandesa, e considerada a principal rexión tecnolóxica de Europa.

O encontro pretende achegar ao persoal do IGFAE (principalmente en etapa predoutoral e junior, aínda que está aberto tamén ao alumnado do grao de Física), as oportunidades de desenvolvemento profesional que pode ofrecer esta área.

A xornada dividirase en dúas partes. En primeiro lugar, ofrecerase unha presentación sobre a área de Brainport Eindhoven, as oportunidades profesionais que ofrece, a posibilidade de realizar prácticas e a información sobre as empresas que operan nesta zona, así como guías e consellos para mellorar os CV e as cartas de motivación. A continuación, as persoas asistentes poderán manter entrevistas persoais co responsable de TTalent.

SobreTechLab e IGFAE Labs

Os TechLab son unha serie de obradoiros e intercambios coa industria para estimular a innovación en colaboración e a explotación dos coñecementos e resultados do IGFAE, así como unha ferramenta para que o persoal investigador do IGFAE explore saídas profesionais no sector.

TechLab é o espazo para transferir os resultados da investigación realizada no IGFAE á economía e a sociedade. Para garantir que as nosas ideas tamén poidan materializarse e aplicarse, cooperaremos activamente con diferentes socios da ciencia e a investigación, así como con axentes da economía e a industria, asociacións e redes. Ademais, poñemos a disposición os nosos coñecementos científicos e técnicos e a nosa infraestrutura a través da nosa oferta de investigación e traballo por contrato.

Os Labs do IGFAE son espazos de nova creación para dirixir e estruturar o noso traballo científico cara a unha investigación e innovación (RRI, Responsible Research & Innovation) máis responsable coa sociedade e a súa contorna inmediata. Esta estratexia de compromiso industrial e social divide as súas actividades en laboratorios que serven como espazos para discutir novas iniciativas con actores externos e colaboradores do IGFAE segundo áreas temáticas (ArtLab, EduLab e TechLab).