Un verán máis arrinca o Campus do Trasgo, a terceira edición do campus de verán de iniciación á física de raios cósmicos e a algunhas das súas técnicas de investigación no que se introducirá ao alumnado aos distintos temas mediante charlas en formato seminario. Como colofón, os participantes realizarán e presentarán un traballo práctico. No campus colabora profesorado do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e a USC, xunto con outros expertos do CiTIUS (USC) e da Universidade da Coruña.

Dirixido a estudantes de grao en Física dos últimos anos, os participantes terán unha aproximación a estes chorros de partículas subatómicas de moi alta enerxía acelerados a velocidades próximas ás da luz e cuxo orixe non está do todo claro. Un dos métodos propostos para o seu estudo son o detectores tipo TRASGO (TRAck reconStructinG mOdule), como o que se atopa na Facultade de Física da USC, ademais do que se enviará á Antártida a finais de ano e outros que están en fase de construción.

• Contido: introdución os raios cósmicos, detectores de partículas, métodos de simulación, redes neuronais, realidade virtual e bases de datos, entre outros.
• Duración: 2 semanas. Do 8 ao 19 de xullo de 2019.
• Lugar:
sala de seminarios 126 da Facultade de Física, Universidade de Santiago de Compostela (Campus Sur). Horario conferencias da primeira semana: de 11 a 14 h e de 16 a 19 h.
• Participantes:
6 prazas recomendadas para estudantes de grao de Física con polo menos 120 créditos superados. Recoñeceranse 2 créditos de libre configuración.
• Preinscrición: do 17 ao 19 de xuño.
• Información e inscricións:
Prof. Juan A. Garzón (Despacho 136 da Facultade de Física da USC) ou en elcampusdeltrasgo@gmail.com, achegando CV resumido (1 páxina).