O novo proxecto europeo na vangarda dos estudos sobre a interacción forte STRONG-2020, dotado con 10 millóns de euros, acaba de nomear presidenta da súa xunta directiva á investigadora do IGFAE e profesora da USC Elena G. Ferreiro. Este órgano encárgase da dirección, coordinación e supervisión do paquete acciones incluído neste proxecto que involucra a 44 institucións internacionais.

Integrado no programa Horizonte 2020, o obxectivo de STRONG-2020 é abordar as cuestións abertas desde o punto de vista teórico e experimental sobre a forza nuclear forte, a responsable de manter unidos os protones e neutróns no interior do núcleo atómico. Este campo de estudo aglutina unha comunidade investigadora de 2.500 persoas de 36 países europeos traballando con colisionadores de partículas que requiren desenvolvementos continuos en detectores, sistemas de adquisición de datos, feixes e brancos, ademais dun marco teórico adecuado para analizar os resultados experimentais.

Dentro dos grupos españois involucrados en STRONG-2020, o IGFAE é un dos centros cun papel de liderado destacado. Ademais de Elena G. Ferreiro, o investigador e director do IGFAE Carlos Salgado participa na súa organización a través do Steering Committee, mentres que Néstor Armesto coordina unha das áreas de traballo, dedicada a estudos de dispersión inelástica profunda (DIS) no LHC e futuros experimentos.

Elena G. Ferreiro, autora de máis de 265 artigos de investigación con máis de 16.000 citas, tamén forma parte do comité directivo da División de Física Nuclear da Sociedade Europea de Física e colabora con grupos destacados no IPN Orsay (Institut de Physique Nucléaire) y École Polytechnique. No IGFAE, é coordinadora dunha das tres áreas estratéxicas de investigación: “O Modelo Estándar ata os límites”.