O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago (USC) e a Xunta de Galicia, incorpora as súas filas un novo ‘Investigador distinguido’: Bin Wu. No acto de acollida a este e outros cinco científicos que se unirán a diferentes centros de Galicia estivo presente o reitor da USC, Antonio López, xunto ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. A figura de ‘Investigador distinguido’ impulsada pola Xunta ao abeiro do Programa de Atracción e Retención do talento pretende asentar persoal de recoñecida traxectoria profesional en estruturas científicas do Sistema Universitario Galego (SUG).
Os experimentos que se están levando a cabo no Gran Colisionador de Hadróns (LHC) do CERN expoñen un novo reto na nosa comprensión do límite quente e denso da cromodinámica cuántica (QCD), e Bin Wu aterra no IGFAE para desentrañalo durante os próximos catro anos. O seu primeiro obxectivo é entender como se formou a pinga fluída máis pequena xamais vista do plasma de quark e gluóns, o estado da materia microsegundos despois do Big Bang, a partir dos primeiros principios da QCD. Despois, combinando a súa propia investigación e os avances realizados no IGFAE, planea desenvolver un marco unificado de QCD para dar unha descrición conxunta dos experimentos no LHC e a súa actualización de alta luminosidade, o HL-LHC, nas próximas dúas décadas.
Máis información: https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/57470/feijoo-recibe-primeiros-seis-cientificos-programa-atraccion-talento-que-incorporan