Durante as pasadas tres semanas, o desenvolvedor web Abdullah Sharifi realizou no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) unha estadía en prácticas. Abdullah cursou nos últimos meses o certificado de profesionalidade “Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxías web” na Academia Postal, e a través dun convenio con este centro, puido aplicar o aprendido para mellorar a organización interna do IGFAE.

Abdullah, explica que desde cativo ten curiosidade pola tecnoloxía e os videoxogos, desde que viu por primeira vez un computador cando tiña 12 anos. “Cando cheguei a Galicia, comecei un ciclo de aplicacións web, pero como o meu nivel de español aínda non era moi bo, tiven que deixalo. Seguín estudando español pola miña conta, e fixen un bootcamp (curso intensivo) en programación web”, nos que adquiriu coñecementos sobre HTML, CSS, JavaScript, SQL, Node.js, Express, React ou Git. “Cando acabei esta formación fixen un proxecto cos meus compañeiros, para desenvolver unha plataforma de compra e venta”, engade.

Posteriormente, continuou formándose para atopar un emprego, mentres desenvolvía o seu portfolio persoal, e decidiu inscribirse para obter a certificación profesional a través de Academia Postal. Ao tempo que cursaba esta formación, atopou traballo en Plexus Tech, onde exerce agora como desenvolvedor web junior. Durante as semanas de prácticas no IGFAE, compaxinou esta formación co seu emprego nesta empresa.

Desenvolvemento de bases de datos para a organización do persoal

“O que fixen no IGFAE, co apoio de Ricardo Rodríguez (responsable de infraestrutura e recursos humanos), foi xerar o código preciso para controlar a visualización de datos dalgúns atributos de información almacenada na base de datos do Instituto, Isto axuda a organizar os datos do persoal e as oficinas, para poder xestionar e saber quen  e onde se sitúa nelas. Así podemos mellorar o traballo diario do IGFAE”.

“Aprendín moito nas prácticas, e estivo moi ben porque as bases de datos gústanme moito”, resume Abdullah. Tras esta etapa, e ademais de continuar co seu traballo en Plexus, quere seguir formándose na parte ‘traseira’ (back-end), das aplicacións, isto é, na xestión de todo o preciso para que funcionen. “Entendín que as bases de datos poden ser unha ferramenta moi importante para o back-end, con todo o relativo a cousas como a seguridade das aplicacións, así que me gustaría saber máis sobre iso”.

O traballo desenvolvido por Abdullah está dispoñible no seu perfil de GitHub: https://github.com/ab-sharifi21