Chega novembro e a II Semana da Ciencia do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE). Durante os días 11 e 16 en diferentes localizacións de Santiago, pequenos e maiores poderán coñecer o seu labor investigador no campo da física de partículas, astropartículas e nuclear a través de distintas actividades, organizadas co obxectivo de fomentar a cultura científica na ciudadanía galega e vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxenería e Matemáticas) entre os máis novos.

Nesta edición o tema vertebrador do programa son os aceleradores de partículas xa que se cumpren agora 90 anos do primeiro deles: o ciclotrón de Ernest Lawrence. O invitado que inaugurará o vindeiro luns a Semana da Ciencia é o líder da construción do LHC do CERN, Lyn Evans, quen dará unha charla gratuíta para todos os públicos sobre o maior colisionador de partículas do mundo. O martes, seguiralle a física teórica e cineasta Ágnes Mócsy cunha charla para explorar as interseccións arte-ciencia, ademáis de outras actividades como a Nerdnite temática de aceleradores de partículas, a entrega de premios do II Concurso de Comunicación Científica e a xornada de portas abertas «Ciencia Singular», organizada conxuntamente pola Rede de Centros Singulares de Investigación da USC.

Programa de actividades completo:

Luns 11. Charla pública: “O LHC, unha marabilla da tecnoloxía”.

Lyn Evans, líder do proxecto do Large Hadron Collider (LHC) do CERN, contaranos como se deseñou e construíu este instrumento científico de dimensión descomunal, co que se puxo fin a máis de 40 anos de procura do bosón de Higgs. Cal será o novo proxecto despois do LHC? Un acelerador maior, tal vez de 100 km? Esta e outras cuestións fundamentais como a orixe da masa e a sutil diferenza entre a materia e a antimateria que nos permitiron existir centrarán a súa charla.

Hora: 20:00 horas.
Lugar: Auditorio ABANCA. Rúa do Preguntoiro, 23, Santiago de Compostela.
Entrada gratuíta ata completar aforo con tradución simultánea ao galego e castelán.
Retransmisión en directo: https://www.youtube.com/user/UniversidadeUSC/live

Martes 12. Conferencia: física en concerto coas artes.

Ágnes Mócsy, física teórica, cineasta e comunicadora, conta con traballos de gran relevancia sobre o estado do universo uns microsegundos despois do Big Bang. Adícase desde fai dez anos ao estudo da intersección entre arte e ciencia, así como á inclusividade de orixe e de xénero na ciencia.

Hora: 20:00 horas.
Lugar: Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Rúa de Ramón de Valle Inclán, 2, Santiago de Compostela.
Entrada gratuíta ata completar aforo con tradución simultánea ao galego e castelán.

Mércores 13.  Nerdnite: especial aceleradores de partículas.

Por que é mellor construír un acelerador que un portavións? Coñece os tipos de aceleradores e como se constrúen os detectores de partículas para converter unha morea de datos en descubrimentos revolucionarios da man de catro investigadores do IGFAE nesta sesión especial de Nerdnite Santiago.

Hora: 21:00 horas.
Lugar: A Nave de Vidán. Av. Maestra Vitoria Míguez, 44, Santiago de Compostela.
Entrada gratuíta ata completar aforo.

Xoves 14. Exposición de monólogos científicos e entrega de premios do II Concurso de Comunicación Científica.

O II Concurso de Comunicación Científica do IGFAE chega ao seu fin coa exposición dos monólogos científicos dos participantes e a posterior entrega de premios das tres categorías.

Hora: 18:00 horas.
Lugar: Aula Magna da Facultade de Física da USC.

Ao finalizar ás 20:00 horas, a investigadora Pía Zurita da Universität Regensburg impartirá o seminario “Protón e núcleos: canto sabemos realmente?”, dirixido ao alumnado de Física.

Venres 15. Coloquio: diversidade en ciencia.

A excelencia en ciencia conséguese incluíndo todos os puntos de vista e experiencias para conseguir unha investigación máis creativa e innovadora. Con todo, moitos grupos están subrepresentados, entre eles as mulleres, as minorías étnicas, as persoas con discapacidade e as poboacións socialmente desfavorecidas. Para dialogar e aprender sobre este tema, Ágnes Mócsy dirixirá un coloquio informal na contorna dun bar, convidando o público a debater sobre estas cuestións.

Hora: 20:00 horas.
Lugar: por determinar.
Entrada gratuíta ata completar aforo.

Sábado 16. Xornada de portas abertas «Ciencia Singular».

O IGFAE, instituto da Rede de Centros Singulares de Investigación da Universidade de Santiago, celebra unha xornada de divulgación conxunta co CiQUS, CiMUS e CiTIUS para achegar á cidadanía galega o labor de excelencia das súas investigacións. Charlas, experimentos e talleres infantís completan o programa desta actividade gratuíta que require inscrición previa en cienciasingular.usc.es.

Hora: 10:00 – 20:00 horas.
Lugar:  IGFAE. Rúa de Xoaquín Díaz de Rábago, s/n, Campus Vida. Santiago de Compostela.