O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e o Departamento de Física de Partículas da Facultade de Física da USC renderán tributo os días 1 e 2 de xuño ao profesor Ricardo Vázquez López, investigador da USC falecido prematuramente a finais de 2022. O obradoiro ‘From hadrons to Stars and the Cosmos’ recordará a vida e traxectoria científica de Ricardo a través dos tres principais temas aos que dedicou a súa carreira: as astropartículas e raios cósmicos, a cromodinámica cuántica e a teoría cuántica de campos, e os solitóns os obxectos compactos astrofísicos.
As sesións terán lugar na Aula Magna da Facultade de Física, e calquera persoa que tivese unha relación persoal ou profesional con Ricardo está convidada a compartir o seu traballo e experiencias. As inscricións poden formalizarse a través da seguinte ligazón.
Sobre Ricardo Vázquez López
A carreira investigadora de Ricardo comezou en 1989 na USC como o primeiro bolseiro colaborador da Xunta de Galicia no Departamento de Física de Partículas. Fíxoo baixo a supervisión do Prof. Joaquín Sánchez Guillén, e é nese momento cando tamén comeza a colaborar co Prof. Enrique Zas.
Despois de licenciarse obtivo unha bolsa de doutoramento na Universidade de Wisconsin-Madison nos EUA (nun acordo coa USC), onde foi investigador asociado e obtivo o seu doutorado en física baixo a supervisión do Prof. Francis Halzen en novembro de 1994, estudando tests de precisión do Modelo Estándar (correccións perturbativas á masa do quark top) e o uso de redes neuronais en técnicas de detección de partículas. Previamente no ano 1993 Ricardo defendeu outra tese de doutoramento na Universidade de Santiago de Compostela na temática da Astrofísica de Partículas.
En 1995 Ricardo obtivo unha bolsa Marie Curie para traballar no Istituto Nazionale di Fisica Nucleare (INFN) en Roma (abrindo un camiño que logo continuarían moitos graduados da USC), xunto co Prof. Giulio Auriemma, na detección de fotóns de alta enerxía de orixe astrofísica. Após unha posición dun ano como investigador posdoutoral no Instituto de Física de São Paulo en 1997, onde Ricardo colaborou co Prof. Carlos Escobar, Ricardo obtivo a praza de profesor asociado na Universidade de Santiago de Compostela en 1998.
En 2001 converteuse no primeiro bolseiro galardoado Ramón y Cajal do Departamento de Física de Partículas da USC onde, dende 2004, exerceu de Profesor do Departamento. Foi un docente moi querido e recoñecido polo estudantado, onde dirixiu varias teses doutorais e os primeiros traballos de investigación dun bo número de físicos e físicas.
Durante moitos anos tamén foi membro da Colaboración Pierre Auger, participando na construción e operación do Observatorio Pierre auger na Arxentina. Ricardo é autor de contribucións fundamentais na análise dos datos de Auger, sendo responsable do programa pioneiro para a reconstrución de fervenzas inclinadas que posicionou ao grupo do IGFAE dentro de Auger como un dos máis importantes na colaboración.