O investigador Carlos Pajares Vales (Madrid, 1945), artífice da creación do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e reitor da Universidade de Santiago de Compostela entre 1984 e 1990, recibiu este xoves 4 de xullo o premio Lois Peña Novo. A entrega da 28ª edición deste premio tivo lugar nun acto celebrado no Patio de Armas do Castelo de Soutomaior.

O galardón, que recoñece o compromiso de persoas e institucións coa lingua galega, foi outorgado este ano a Pajares polo seu labor na introdución do galego na universidade. En 2019, recibiu o mesmo recoñecemento o actual director do IGFAE, Carlos Salgado, polo seu compromiso permanente co galego na súa actividade investigadora e docente.

Despois de licenciarse e doutorarse en Física na Universidad Complutense de Madrid, e de investigar en centros científicos de referencia en París, Seattle ou Oxford, Carlos Pajares incorporouse en 1979 á Universidade de Santiago como catedrático e director do Departamento de Física de Partículas. En 1981 converteuse no primeiro decano da Facultade de Física. Posteriormente, en 1984 foi o primeiro reitor da USC elixido democraticamente, cargo no que permanecería ata 1990.

Durante a súa etapa como reitor, segundo destaca a Fundación Lois Peña Novo, “implantou na institución académica un proceso de galeguización
eficaz e continuado a través da creación dun servizo propio, dedicado ao fomento do uso
da lingua galega no ámbito académico e científico”. A acta do xurado recoñece ademais sobre Pajares que “a pesar de non ser galego de nacencia, inculturizouse na terra defendendo os valores identitarios do país”.

O labor científico e institucional de Carlos Pajares foi tamén clave na participación da USC, o IGFAE e de España na Organización Europea de Investigación Nuclear (CERN). Participou activamente no reingreso do país no CERN, en 1983, e entre 2008 e 2012 foi delegado científico de España no CERN.

Ademais de Carlos Pajares, foron galardoados cos premios Lois Peña Novo 2024 a xefa de servizo de Traballo Social na Área Sanitaria de Vigo, María Jesús Lago Vilaboa, por ser pioneira e defensora do uso do galego no ámbito sanitario, e o Concello de Carballo, pola súa firme aposta durante máis de 20 anos pola dinamización lingüística, desenvolvendo accións de socialización transversal.