A IV Semana da Ciencia do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) arrinca esta semana en formato presencial tras o parón do ano pasado debido á crise sanitaria. Nesta edición, o programa inclúe tamén actividades en liña co obxectivo de visibilizar a investigación de excelencia do instituto máis aló da sociedade galega.
Como en edicións anteriores, o prato forte da semana será a conferencia pública que terá lugar o próximo 25 de novembro a cargo de Iván Martí Vidal, o coordinador do grupo que obtivo a polarización da primeira imaxe dun buraco negro da historia. Nela intervirán o vicerreitor de Investigación e Innovación Vicente Pérez Muñuzuri, o director do IGFAE Carlos Salgado e o investigador do IGFAE José Edelstein. A entrada á conferencia é gratuíta e poderase seguir en streaming na canle de Youtube do IGFAE.
O programa complétase cunha nova entrega de “Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia”, a xornada de portas aberta “Ciencia Singular”, a resolución do IV Concurso de Comunicación Científica e unha xornada de formación en comunicación con perspectiva de xénero para o persoal do IGFAE.
Xoves, 18 de novembro
‘Transfronteirizas, conversas de arte e ciencia’ con Agustín Fernandez Mallo, Guillermo Martínez e José Edelstein
“Transfronteirizas: conversas de arte e ciencia”, o ciclo de diálogos do espazo ArtLab do IGFAE explorará un novo formato, a charla á tres con dúas persoas que indagaron como poucos a intersección entre arte e ciencia: os escritores Agustín Fernández Mallo e Guillermo Martínez. Físico e matemático, respectivamente, de ambos podería dicirse que nutriron os seus textos literarios con abundante zume proveniente da súa formación científica. O encontro poderá seguirse en directo ás 20:00 horas na canle de Youtube, moderado polo investigador do IGFAE José Edelstein.
Sábado, 20 de noviembre
Xornada de portas abertas ‘Ciencia Singular’
A quinta edición de Ciencia Singular recupera o formato presencial da xornada tralo parón imposto polas restricións sanitarias de 2020, que houbo de ser virtual. O IGFAE, CiQUS, CiMUS, e CiTIUS abrirán, deste xeito, as súas portas á cidadanía unha vez máis para celebrar o seu meirande encontro de divulgación anual, que convida a familias e visitantes de tódalas idades a achegarse á investigación de excelencia desenvolvida no ecosistema científico da Rede de Centros Singulares da USC. As charlas divulgativas do programa do IGFAE poderán seguirse en streaming na canle de youtube do IGFAE e non necesitan rexistro previo.
Programa e horarios da xornada: https://cienciasingular.usc.es/
Martes, 23 de novembro
Resolución do Concurso de Comunicación Científica do IGFAE
Anuncio dos traballadores gañadores na categoría foto científica, artigos e vídeos divulgativos.
Máis información: https://igfae.usc.es/igfae/gl/c3-2021/
Xoves, 25 de novembro
Conferencia “Luz e magnetismo dende a fronteira do tempo e o espazo”, por Iván Martí Vidal
O 10 de abril de 2019 o Event Horizon Telescope (EHT), unha rede de radiotelescopios do tamaño da Terra, obtivo a primeira fotografía dun xigantesco buraco negro, M87*, con 6.500 millóns de masas solares e situado a 55 millóns de anos luz. O 24 de marzo deste ano, o mesmo experimento logrou capturar os detalles da polarización da luz emitida nas inmediacións deste obxecto, mostrándonos por primeira vez a existencia de campos magnéticos colosais. Iván Martí Vidal, coordinador do grupo responsable da polarización desta icónica fotografía, contaranos como se puido obter, como se interpreta, que podemos aprender dela e que perspectivas depáranos este fito revolucionario.
Hora: 20:00 horas
Lugar: Auditorio Abanca. Rúa Preguntoiro, 23, Santiago de Compostela.
Streaming: bit.ly/conferencia25novIGFAE